O correo electrónico, a protección de datos e os formularios web, entre os problemas de ciberseguridade máis habituais
REDACCIÓN
A ciberseguridade é unha das principais preocupacións das empresas. Por ese motivo, PuntoGal, en colaboración coa empresa de dominios Arsys, inicia unha campaña de consellos prácticos na súa web e nas redes sociais para concienciar da súa importancia a webmasters, administradores de rede e cidadanía en xeral. Mediante unha serie de artigos que se publicarán de forma periódica na web de PuntoGal, as dúas entidades difundirán os conceptos máis importantes nesta materia en ámbitos como o do correo electrónico, a protección dos datos, os formularios web, as técnicas de ciberataque máis habituais e todo tipo de recomendacións.
“En seguridade é fundamental ser proactivo e é necesario seguir insistindo na concienciación. Ese é precisamente o obxectivo da nosa colaboración coa Asociación PuntoGal, ofrecer a particulares, micro empresas e pemes galegas información útil que os axude a conseguir negocios máis seguros, para eles e para os seus clientes”, explica Nieves Franco, CEO de Arsys.
As dúas entidades difundirán os conceptos máis importantes en ámbitos como o do correo electrónico, a protección dos datos ou os formularios web
O director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, subliña que superan xa os 6.200 dominios rexistrados e apunta que “comeza o novo ano reforzando a súa aposta pola ciberseguridade, especialmente no ámbito da concienciación e a prevención”. Ademais, insistirán nas medidas básicas de defensa e darán a coñecer os termos e as técnicas de ataque máis comúns.
Os proxectos máis ambiciosos de PuntoGal
PuntoGal forma parte del Geotld Group, o RYSG Group, a Global Cyber Alliance e o Clúster da Comunicación de Galicia. Entre os seus últimos proxectos atopamos o ambicioso programa do Museo do Pobo Galego para a conservación do patrimonio inmaterial galego (APOI); o patrocinio das Gaélico Escolas, unha iniciativa educativa para que os novos practiquen e aprendan sobre o fútbol gaélico; o soporte de contidos en galego en novas plataformas; ou a organización xunto con GCiencia dos premios Spin-Off PuntoGal que destacan o labor no campo da ciencia e a investigación nas universidades galegas.
Arsys, líder no mercado dominios
Con máis de 25 años de experiencia, Arsys lidera o mercado profesional español de servizos de presenza en Internet, cloud computing, hosting xestionado e solucións de infraestrutura IT. Está especializada no deseño de proxectos personalizados na nube.