A Deputación contribuirá cunha achega á creación do Observatorio PuntoGal, un ente que se encargará de estudar a presenza do galego en internet
PABLO LÓPEZ
A Deputación da Coruña contribuirá cunha achega de 29.000 euros á creación do Observatorio PuntoGal, un ente que se encargará de estudar o uso de internet en Galicia. A institución provincial e os responsables do dominio asinaron un convenio para certificar ese compromiso, que resultou moi satisfactorio para ámbalas partes.
“O Observatorio PuntoGal centralizará, nunha páxina web creada para este fin, información sobre o uso da rede en Galicia, dende unha perspectiva técnica pero tamén sociolóxica”, explicou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.
“Este acordo permitiranos coñecer datos detallados e precisos sobre a presenza de Galicia e do uso do galego en internet”, comentou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso
Como xestor dun dominio de primeiro nivel e como parte da industria da rede, PuntoGal conta cos datos e ferramentas que lle permitirán analizar múltiples variables, aínda que se fará un especial fincapé na situación da lingua galega. “Entre outras cuestións, este acordo permitiranos coñecer datos detallados e precisos sobre a presenza de Galicia e do uso do galego en internet, cun proxecto innovador”, engadiu Formoso.
Un motor de normalización da lingua galega
O presidente de PuntoGal, Manuel González, sinalou que “o dominio .gal foi concibido, entre outros obxectivos, como un axente para impulsar a presenza de Galicia na rede e de maneira moi especial como un motor de normalización da lingua e da cultura galega, fomentando o uso do galego en Internet e servindo de escaparate que lle dea visibilidade universal”.
Sobre a necesidade dun proxecto como o do Observatorio PuntoGal, González salientou que “é necesario facer un seguimento do uso de internet en Galicia e analizar de maneira continuada a presenza da nosa lingua no ciberespazo, porque o nivel de uso do galego na rede é un termómetro bastante fiable do seu grao de saúde” e destacou a importancia de convenios como o asinado coa Deputación da Coruña.
“O nivel de uso do galego na rede é un termómetro bastante fiable do seu grao de saúde”, comentou o presidente de PuntoGal, Manuel González
“Felicitámonos por facer realidade esta iniciativa do Observatorio PuntoGal que mediante a sinatura deste convenio poñemos en marcha a Asociación PuntoGal e a Deputación da Coruña, a quen quero agradecer a súa sensibilidade para decatarse da importancia deste Observatorio”, comentou o presidente de PuntoGal.
PuntoGal, que supera os 6.500 dominios rexistrados, asume así o cometido de “activar un proxecto de referencia para a rede galega. O Observatorio buscará poñer de relevo os datos de presenza da lingua, a cultura ou o tecido empresarial en internet”, en palabras do seu director, Darío Janeiro. O proxecto inicial desenvolverase entre os anos 2022 e 2023, terá un orzamento total de máis de 40.000 euros e permitirá “ter unha visión clara e precisa, cun nivel de detalle inédito ata hoxe, da riqueza e a diversidade da rede en Galicia e, tamén na provincia da Coruña”.