O CEO de Xoia Extending Reality, Xoel Vázquez, será o ponente dun afterwork promovido polo noso Clúster
FELIPE VIEIRA
O Clúster da Comunicación de Galicia organiza o vindeiro mércores 16 de febreiro ás 19.30 horas un afterwork no que participará o CEO da empresa Xoia Extending Reality, Xoel Vázquez, e que levará por título Publicidade doutra dimensión.
A través desta ponencia, coñeceremos como as denominadas realidades estendidas están poñendo patas arriba o mundo da comunicación e o marketing e tratarase de explicar como funciona esta tecnoloxía e como, a través das diferentes modalidades de emprego e uso, sacarlle o máximo partido posible.
A iniciativa terá lugar o vindeiro 16 de febreiro
A realidade estendida é o termo referente á unión de elementos virtuais e reais e ás interaccións entre humanos e máquinas grazas á utilización de determinados dispositivos. O dito termo engloba a realidade virtual, aumentada e mixta.
Novas funcionalidades
Xoia aplica solucións coas que converter un produto tradicional nun produto estendido. As súas tecnoloxías, a metodoloxía e o framework de Xoia permiten sumar funcionalidades á realidade que coñecemos.
A realidade aumentada e virtual permiten, por exemplo, transmitir o patrimonio e a cultura dun xeito máis ilustrativo, inmersivo e nunha vía que conecta con todo tipo de usuarios, tanto maiores coma pequenos. A diferenza de como se consumía a cultura anteriormente, onde había que empregar a imaxinación para visualizar escenarios e historias a partir de obxectos inanimados, agora pódese vivir dun xeito máis real grazas á tecnoloxía e incluso interactuar con ela. Todo iso permíteo Xoia Extending Reality.
A realidade aumentada é o termo referente á unión de elementos virtuais e reais
Grazas ás tecnoloxías promovidas por esta empresa, a capacidade de entender e conectar co usuario, no ámbito da cultura e do turismo pero tamén noutros coma o industrial ou o eido da publicidade, é moito maior xa que se converte unha experiencia educativa e divulgativa en practicamente unha aventura. Desfrútase dun modo máis orixinal, que permite interiorizar conceptos máis facilmente.
A través da gamificación e da realidade aumentada tórnase esa aventura nunha experiencia coa que resulta máis doado lembrar escenarios e datos e pódese vivir en primeira persoa a Historia, a Bioloxía ou a Ciencia, entre outras disciplinas.
Un afterwork ó alcance de todos
Este afterwork impulsado polo Clúster da Comunicación de Galicia, OPC Galicia, Markea, Dircom, Creatividade Galega e o Círculo de Empresarios vaise celebrar a través de plataforma de eventos VIDIV, que permite unha maior interacción dos asistentes. Para inscricións podes acceder AQUÍ.