
A maior comunidade de mulleres profesionais de Galicia xa pode consultarse na web presentes.gal
REDACCIÓN
A presenza de mulleres como voces expertas en foros, xornadas ou debates profesionais segue sendo menor do desexable. Estímase que cada ano se celebran en España entre 3.500 e 5.000 eventos nos que se buscan persoas referentes para participar como relatoras, pero a participación feminina continúa sendo inferior á masculina. Ademais da desigualdade estrutural, tamén inflúen o descoñecemento e a falta de visibilidade de profesionais que xa lideran proxectos, investigacións e empresas.
En Galicia existe un potente tecido asociativo de mulleres profesionais que leva anos traballando para corrixir esta situación. Con todo, as mulleres seguen infrarrepresentadas nos postos de responsabilidade, nas carreiras STEM e nos espazos de toma de decisións. Para avanzar cara a unha igualdade real resulta fundamental facer visible ese talento.
Con este obxectivo nace PRESENTES, unha iniciativa da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Igualdade. Trátase dunha plataforma pública que reúne profesionais galegas de múltiples sectores e facilita que organizacións, institucións ou medios poidan contactalas para participar en eventos, publicacións ou espazos de debate.
A iniciativa busca tamén cambiar a forma en que se distribúe a autoridade experta. Con frecuencia, as mulleres participan en debates vinculados á igualdade ou aos coidados, mentres que os homes dominan conversas sobre tecnoloxía, economía, política ou liderado. PRESENTES pretende romper esta dinámica visibilizando especialistas en todos os ámbitos do coñecemento e sentando os precedentes para seguir sensibilizando á sociedade, especialmente ás xeracións máis novas.
PRESENTES converteuse no eixo da campaña institucional polo Día Internacional das Mulleres, poñendo rostro ao talento feminino galego a través de seis profesionais de sectores diversos
Unha comunidade aberta á sociedade
A primeira fase do proxecto consistiu na creación dunha base de datos de profesionais. Para iso enviáronse comunicacións aos colexios profesionais e ás asociacións sectoriais galegas, ao tempo que se realizou un traballo de identificación de perfís destacados, no que colaboraron máis de 100 entidades. A resposta superou as previsións: en apenas un mes rexistráronse preto de 2.000 inscricións de mulleres interesadas en participar como referentes en espazos públicos e privados.

A plataforma, que se presentou oficialmente o 7 de marzo, xa pode consultarse na web presentes.gal, sendo a maior comunidade de mulleres profesionais de Galicia. “Un día como este tamén é Galicia Calidade” porque esta marca “constrúese con moitísimas cousas e é, sobre todo, a sociedade que queiramos facer entre todos”, afirmou Alfonso Rueda durante o acto.
Así pois, PRESENTES converteuse no eixo da campaña institucional polo Día Internacional das Mulleres, poñendo rostro ao talento feminino galego a través de seis profesionais de sectores diversos: Emma Lustres, fundadora de Vaca Films; María Montalvo, vicepresidenta de Freire Hermanos e presidenta de UNICEF Galicia; a artista e deseñadora Carlota Pereiro; Alba Meijide, especialista en intelixencia artificial en Telefónica; María Saco, bombeira forestal e emprendedora de Xestanatur; e Ana Paúl, directora de innovación do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia.
Ademais de facilitar a localización de expertas, a plataforma inclúe unha guía práctica para deseñar eventos con perspectiva de xénero e promove unha comunidade profesional que amplía a rede de especialistas.
Unha estratexia máis ampla pola igualdade
PRESENTES forma parte dunha política pública máis ampla para promover a igualdade. En 2026 a Xunta de Galicia destina preto de 29 millóns de euros a iniciativas neste ámbito. Este é o caso do programa de emprendemento feminino EMEGA, que leva máis de 27 anos apoiando proxectos empresariais liderados por mulleres, ou do Plan Corresponsables dotado con 7,4 millóns de euros, destinado a facilitar a conciliación durante todo o ano.
Con estas accións, Galicia busca consolidar un ecosistema profesional máis diverso e igualitario e dar un paso máis para que o talento feminino non só exista, senón que tamén teña presenza e voz na conversa pública.