Os Premios Paraugas celebran en Ferrol os seus dez anos de historia

A gala da X edición dos Premios Paraugas celebrarase o vindeiro 21 de novembro, xuntando a toda a industria da comunicación e do márketing galego


REDACCIÓN


Os Premios Paraugas cumpren dez anos destacando os mellores proxectos do sector do márketing e da comunicación de Galicia. Para celebrar esta décima edición regresan ao Teatro Jofre de Ferrol cunha gala o vindeiro 21 de novembro na que a industria lucirá os mellores proxectos feitos no último ano. Unha noite para amosar como o sector revoluciona a creatividade da comunidade, impulsa as súas empresas e crea riqueza cultural e económica.

O Clúster da Comunicación de Galicia organiza o certame, que busca poñer en valor a calidade do traballo feito dende a nosa comunidade, así como enxalzar a función da creatividade, do deseño, da edición, do márketing, da comunicación e dos eventos como medio para aumentar a competitividade e a capacidade de innovación.

Novos premios para un sector cambiante

Na súa décima edición, os Premios Paraugas adáptanse a un novo contexto do sector, máis transversal, integrado e cambiante, simplificando as categorías, incorporando criterios transversais e equilibrando o peso entre disciplinas con maior representación.

Deste xeito entregaranse un total de dez galardóns e cinco Premios Especiais, ademais dos Premios Honoríficos a persoas destacadas do ámbito da comunicación e da creatividade. As bases pódense consultar na web oficial dos premios e as candidaturas poden enviarse ata o 23 de outubro.

O prazo de inscrición para participar está aberto ata o xoves 23 de outubro

Os galardóns especiais son o Premio Galicia Calidade, destinado a distinguir un anunciante, axencia ou proxecto revelación; o Premio ao Anunciante do Ano, que recoñece unha aposta sostida pola comunicación e o márketing; e o Premio Paraugas de Ouro, considerado o maior recoñecemento do evento e reservado á candidatura máis sobresaínte.

Categorías

As categorías deste ano inclúen o Premio Paraugas á Mellor Produción Gráfica, Premio Paraugas á Mellor Solución de Deseño, á Mellor Idea Creativa, á Mellor Campaña Publicitaria, á Mellor Estratexia de Márketing, á Mellor Acción de Branding, á Mellor Estratexia Global de Comunicación, á Estratexia máis Eficaz e ao Mellor Evento Profesional ou Corporativo e ao Mellor Evento Cultural, Gastronómico ou Musical.

Con esta edición tan especial, os Premios Paraugas consolidan o seu compromiso por destacar o talento creativo galego e promover proxectos que combinen innovación, calidade e impacto social. Coma sempre, as empresas socias do Clúster da Comunicación poden presentar os seus traballos de xeito gratuíto.

Como novidade deste ano, os premios adáptanse a un novo contexto máis transversal, integrado e cambiante, simplificando as categorías

Nesta edición, o certame aposta novamente por visibilizar ás novas xeracións co Premio Paraugas Novos Talentos e promover a participación cidadá a través do Premio Paraugas do Público.

Foto: Clúster da Comunicación de Galicia.

Estes premios non serían posibles sen o apoio dos patrocinadores e dos colaboradores que axudan a visibilizar o gran talento do sector, como son a Xunta de Galicia, o Concello de Ferrol, Galicia Calidade, CESUGA, AVANT∑, TAC!, Raiola e Estrella Galicia. Os galardóns tamén contan co apoio de: Atelier, Wise, Closet Comunicación, Miraveo, Servicios Gráficos, Creatividade Galega, Markea, Dircom Galicia e OPC Galicia.

O Clúster da Comunicación de Galicia ten o obxectivo de reunir aos profesionais do sector, a toda a cadea de valor da industria en Galicia, poñendo en valor ás súas empresas e profesionais do márketing, comunicación, deseñadores, creativos, axencias de publicidade, axencias de medios, eventos ou impresores. Actualmente está integrado por 233 entidades, entre as que se atopan empresas, asociacións e centros tecnolóxicos ou de formación.

Artículo anterior

Atrevia y Grupo Lence impulsan el I Observatorio Activistas del Rural

Siguiente artículo

La industria de la impresión se da cita en SHIFT 2025