
O chef de Casa Gaibor, Antón Castro, álzase co galardón nunha edición marcada pola estrea da revista dixital OzéanoCocina
REDACCIÓN
Arredor de 200 persoas déronse cita o martes 26 de maio no Auditorio Mar de Vigo para asistir á gala final do Premio Cociñeiro/a Galego/a, que por primeira vez na súa historia se celebrou fóra de Galicia Fórum Gastronómico, e que incluíu a presentación da nova canle de comunicación do evento coa súa revista dixital interactiva OzéanoCocina. Unha gala na que se proclamou gañador Antón Castro, do restaurante Casa Gaibor, situado no municipio lucense de Guitiriz, co seu prato Fabas de Lourenzá e peixe do día.
Defensor dunha cociña galega actualizada, onde a tradición rural se revisa con sensibilidade moderna, e cuxa fórmula do éxito é “unir produto, memoria e elegancia sen excesos”, tal e como destacou o xurado, Antón Castro compartiu escenario na final con Mar Lago e Álex Martínez, de Bacelo (Ferrol, A Coruña); Andrés Torreiro, de D’Obra, (Melide, A Coruña); Marcos S. Area, de É Restaurante (Marín, Pontevedra), e Antonio Novas, Tonino, de Trasmallo (Pontevedra).
A gala, conducida pola televisiva Lucía Rodríguez, converteuse unha edición máis nunha gran festa gastronómica na que os protagonistas foron o talento emerxente, os produtos de proximidade e a cociña sostible, tal e como coincidiron en destacar autoridades e patrocinadores como a conselleira do Mar, Marta Villaverde; o director de Agacal, Martín Alemparte; a delegada da Xunta, Ana Ortiz; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o director de Trade Marketing de Estrella Galicia, Manel P. Piñón, entre outros.
Antón Castro gaña o Premio Cociñeiro/a Galego/a 2026 coas súas fabas de Lourenzá e peixe do día

Durante o acto, Ana Trevisani, directora de Galicia Fórum Gastronómico, e o director de programa, Pep Palau, repasaron a traxectoria do Fórum ao que cualificaron como “un gran encontro profesional da gastronomía” que demostra que “a cociña non é só cociña; é territorio, cultura, economía, e, sobre todo, futuro”, tal e como sinalou Ana Trevisani, para a que na actualidade o Fórum se converteu “no gran altofalante do talento galego” grazas ao apoio de institucións, empresas e profesionais.
Ademais, Trevisani remarcou o punto de inflexión que supoñen os 10 anos de Galicia Fórum Gastronómico, o que levou á dirección a darse conta de que “Galicia xera talento todos os días e non podiamos aparecer só cada dous anos. Queremos estar presentes de forma continua, máis preto do sector, máis conectados coa actualidade e máis vivos que nunca”.
GFG Media e OzéanoCocina
Por iso, a Gala Premio Cociñeiro/a Galego/a pasa a ser anual, e por iso tamén nace un novo proxecto, GFG Media, unha nova canle de comunicación creada para dar continuidade a todo o que ocorre arredor de Galicia Fórum Gastronómico e ser altofalante das cociñas do Atlántico, explicou Ana Trevisani, adiantando que os seus principais soportes son unha revista dixital interactiva, que se lanza hoxe e un pódcast.
Precisamente a nova publicación, OzéanoCocina, converteuse nun dos pratos fortes do evento. “Nace da necesidade natural de seguir contando a nosa historia gastronómica”, explicou Ana Trevisani, “nace das persoas que cren en proxectos innovadores e de futuro”, que invitou a gozar dunha publicación “que contén todos os mundos gastronómicos”.
GFG Media lánzase como a canle anual do sector coa estrea da revista dixital interactiva OzéanoCocina
A gala finalizou cun cóctel con propostas dos colectivos de cociña Vigo Gastronómico, Coruña Cociña, Cociña Ourense e Grupo Nove; o chef estrela Michelin Luis Veira e Iria Espinosa; degustación de produtos da provincia da Coruña baixo a marca A paisaxe que sabe da Deputación da Coruña; unha barra de Estrella Galicia coa súa cervexa máis gourmet, 1906, e un túnel de viño e outro de queixo, promovidos pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), nos que se puideron degustar os viños e os queixos gañadores das catas oficiais de Galicia do ano 2025.
O Premio Cociñeiro/a Galego/a contou este ano coa colaboración de A Paisaxe que sabe a través da Deputación da Coruña; da Xunta de Galicia a través de Agacal; de Cervexas 1906, Chef Works e Labauh, así como co patrocinio de Gadis e Sammic.