PORVIR: o futuro da comunicación a análise

O 13 de maio pola tarde celebrouse a xornada online sobre novas tendencias e o futuro da comunicación, organizada polo Clúster da Comunicación de Galicia, Dircom e o Círculo de Empresarios de Galicia.

A xornalista e presentadora do encontro virtual, Luisa López, abreu a xornada sinalando que hai que ser axentes do cambio, tamén desde o eido da comunicación. Na presentación e na clausura tamén participaron o presidente do Clúster, Xosé Luis Reza, e a presidenta de Dircom Galicia, Tesa Díaz-Faes, que subliñaron a importancia deste tipo de actividades para saber o que cada profesional pode achegar desde os distintos eidos da comunicación. “Tiñamos pendente facer unha xornada sobre comunicación para coñecer o que está por vir”, avanzou Xosé Luis Reza.

O presidente de Dircom incidiu nas oportunidades para a comunicación que supoñen o Big data e o business intelligence

O primeiro relator, Pedro Tasende, socio-director de Aporta Comunicación, fixo un repaso pola evolución do futuro da comunicación, presenza da sostibilidade nos medios, indicando que o desempeño ambiental das institucións e das empresas converteuse nun activo da reputación das marcas que debe ser correctamente xestionado polos profesionais. “O futuro que vén, sen dúbida, é o da transformación sostible”, explicou.

Posto que o consumidor demanda produtos respetuosos co medio natural, as empresas deben seguir normativas orientadas ao cumprimento e á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. “A comunicación é unha arma moi potente para potenciar a sostibilidade, que é o gran reto da humanidade”, engadeu. Pedro Tasende tamén puxo no punto de mira o Greenwashing, indicando que moitas marcas se suman ao discurso, pero non ás accións. “Co Greenwashing hai que ter tolerancia cero”, puntualizou.

A segunda relatora da tarde, Luisa Rodríguez Arca, directora rexional de Atrevia, abordou a relevancia dos intanxibles. “O intanxible non é soamente imaxe, isto é radicalmente falso”, explicou. “Hai fórmulas para medir os activos intanxibles e pesan máis que nunca na cotización tota das compañías”, comentou, polo que é fundamental xestionarlos de forma axeitada.

Pola súa banda, a directora de Comunicación e RSE de Vegalsa-Eroski, Gabriela González, sinalou a importancia da comunicación responsable na súa intervención e cualificouna como un recurso necesario para a xestión da RSE empresarial, poñendo diversos exemplos da estratexia de sostibilidade medioambiental da compañía.

Os retos de futuro 

O relator estrela da tarde foi o director corporativo de Comunicación e Relacións Institucionais de Gestamp e presidente de Dircom, Miguel López-Quesada, que profundizou nas cinco tendencias e nos retos da comunicación pospandemia. Miguel López-Quesada fixo fincapé na multicanalidade e na nova narrativa corporativa, así como na necesidade de crear unha identidade sonora para as marcas (o hype do audio).

Ademais, o presidente de Dircom tamén incidiu nas oportunidades para a comunicación que supoñen o Big data e o business intelligence, á vez que alertou do incremento dos riscos na comunicación dixital da man dos ciberataques e das fake news.

Miguel López-Quesada asegurou que é fundamental reforzar e activar os valores corporativos, vertebrándose arredor dun propósito corporativo único e diferenciador, co fin de construír unha cultura corporativa máis sólida. Por último, tamén sinalou que as marcas que constrúen intanxibles gañan en tanxibles ao lograr unha percepción de marca máis social e ética, xunto cun incremento da confianza na xestión que trae aparellada unha maior transparencia.

Na celebración da xornada tamén colaboraron Aporta Comunicación, Atrevia, Vegalsa-Eroski, Wise e Las Dos.

Artículo anterior
economía circular

Colaboración, economía circular y adaptabilidad: las claves del 33º Congreso Nacional OPC España

Siguiente artículo
PuntoGal

PuntoGal publica 17 guías para usar o galego na rede