O proxecto gañador, Pisando Charcos, é un libro de 284 páxinas, impreso en cuatricromía sobre papel estucado mate de 150 gramos
LIDIA FERNÁNDEZ
Aresponsable de Xestión, Calidade e Medio Ambiente de Gráficas Anduriña, Lucía Pastoriza, reivindica a importancia de poñer en valor e dignificar o uso do papel no día a día nun mercado maioritariamente dixital: “O papel está sempre presente, non se esquece”. Tamén o fixo ao recoller o Premio Paraugas ao Mellor Traballo de Impresión en Papel por «Pisando Charcos».
“O papel admite todo e é compatible coas novas tecnoloxías. A democratización da comunicación online non ten por que supoñer a fin do papel”, asegura Pastoriza, unha das artífices da orixinal impresión da publicación premiada, un recoñecemento á traxectoria profesional de máis de tres décadas da pintora Almudena Fernández Fariña.
Así pois, a obra debía plasmar e resumir a proposta estética do seu traballo, recreando na portada a intervención específica feita pola artista no hall do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). “Nós sempre intentamos que as propostas que presentamos sexan orixinais e teñan elementos únicos, que fagan cada proxecto diferente”, asegura.
A diferenciación, clave do éxito
“Neste caso, o papel que empregamos é distinto a calquera dos nosos anteriores traballos. É similar a unha tea de pelo”, explica Lucía Pastoriza, remarcando que este libro é o resultado dun traballo conxunto e da colaboración co cliente, o Centro Galego de Arte Contemporánea, e o talento creativo de Gráficas Anduriña. “Todos os traballos de impresión saen da colaboración co cliente, que é o que ten claras as ideas. Nós intentamos orientalos na consecución dos seus obxectivos”, matiza Pastoriza.
O proxecto gañador é un libro de 284 páxinas, impreso en cuatricromía sobre papel estucado mate de 150 gramos. As súas dimensións son 21x28cm, con encadernación rústica. A portada leva serigrafía e verniz UVI sobre papel que imita a tela peluda, literalmente. A peculiaridade da encadernación é que o seu pé está cortado de maneira asimétrica, o que fai imposible colocalo recto de maneira vertical nun estante.
Este libro é o resultado dun traballo conxunto e da colaboración co cliente, o Centro Galego de Arte Contemporánea, e o talento creativo de Gráficas Anduriña
A publicación foi concibida como un libro obxecto, que remite ás bases estéticas da artista e aos seus materiais habituais e técnicas de traballo, plasmadas de maneira eficaz na asimetría do libro e ao propio material peludo da portada, que reproduce a obra creada ex profeso para a exhibición que se levou a cabo no CGAC.
Os Paraugas, espazo de reivindicación
“Este Premio Paraugas é un recoñecemento ao esforzo e ao traballo colectivo. Estamos moi agradecidos. Este libro é moi especial para nós, non só pola súa orixinalidade e particularidade, senón porque nos permitiu ser un escaparate para poñer de manifesto a necesidade de seguir empregando o papel. É o complemento perfecto a todos os traballos creativos”, asegura Lucía Pastoriza.
Agradecida, valora moi positivamente a participación en eventos coma os Paraugas. “Estamos con xente da industria, e é o espazo idóneo para darnos a coñecer e dar visibilidade ao noso traballo”, confirma, poñendo de manifesto as dificultades que está tendo o sector da impresión para facer fronte ao uso masivo das novas tecnoloxías, que dificultan o acceso dos máis novos ao formato tradicional.