A Xunta recoñece as persoas e empresas que marcan a diferenza no deseño e na innovación en Galicia

Os Premios Galicia de Innovación e Deseño 2023 entregáronse durante unha gala celebrada en Santiago de Compostela


REDACCIÓN


A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, sinalou na entrega dos Premios Galicia de Innovación e Deseño 2023, impulsados pola Xunta, que estes galardóns serven para poñer de relevo “como a innovación e o deseño cumpren un papel esencial para mellorar a competitividade das empresas e a calidade de vida das persoas”, servindo tamén para reivindicar a marca Galicia, á que contribúen finalistas e gañadores co seu traballo e creatividade.

O acto, que tivo lugar o 21 de decembro en Santiago de Compostela, reuniu a máis de 150 persoas para celebrar o deseño e a innovación que marcan a diferenza en Galicia e homenaxear as persoas que o fan posible.

Nesta cuarta edición dos premios promovidos pola Axencia Galega de Innovación resultaron galardoados, no apartado de deseño, Uqui Permui (Barallobre), Ismael Velo (Ourense) e Costa Comunicación Visual (A Coruña). No apartado de innovación, Centum Research & Technology (Vigo), Pasek Minerales (Cariño) e Carme Pampín (á fronte de GalChimia , en Touro).

Os recoñecementos para a traxectoria innovadora na categoría de gran empresa e o premio para empresas no apartado de deseño teñen carácter honorífico, mentres que os demais contan cunha dotación económica de 15.000 euros cada un.

Na súa intervención, a conselleira fixo fincapé no labor que se realiza desde a Administración autonómica para facer chegar a cultura da innovación empresarial ás pemes. Neste sentido, nos seis últimos anos, as axudas da Xunta para impulsar a I+D+i de xeito específico nas pequenas e medianas empresas beneficiaron a case medio milleiro de pemes, mobilizando proxectos por valor de 47 millóns de euros.

Do mesmo xeito, lembrou que a Administración autonómica ten en marcha o Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – DIFERENZA. Esta folla de ruta recolle a aposta da Xunta de Galicia polo deseño como ferramenta de transformación económica e social.

CATEGORÍA PROFESIONAIS DESEÑO

A deseñadora Uqui Permui fíxose co galardón na categoría de profesionais do deseño. Nada en Barallobre, a súa traxectoria profesional comezou traballando como deseñadora júnior no estudio do seu irmán, Alberte Permuy, e en 1991, fundou o seu propio estudio, Uqui Cebra, en Santiago de Compostela.

Deseñadora gráfica especializada no deseño de proxectos de comunicación e servizos, participou en numerosos proxectos que abordan cuestións sociais e ambientais de forma creativa. O seu enfoque consiste en atopar solucións atractivas cun impacto positivo na sociedade.

Entre os seus proxectos máis destacados atópase a creación de marcas internacionais como o Xacobeo 21-22 ou tan identitarias como logotipo para o Museo de Pontevedra, así como numerosas publicacións e campañas de concienciación como “En negro contra as violencias”, que inspiraron a miles de persoas a tomar conciencia sobre as violencias de xénero.

CATEGORÍA TALENTO EMERXENTE

Ismael Velo é o gañador na categoría de talento emerxente. Despois de pasar pola Escola Elisava de Barcelona, este deseñador de produto ourensán fixo un Mestrado en Deseño Industrial na Universidade Técnica de Eindhoven (Holanda). Comezou a súa carreira na materioteca da Asociación para o Fomento das Artes e o Deseño de Barcelona (FAD) e nos últimos anos formou parte do equipo de FROLIC studio, enfocado á innovación e á sostibilidade.

Na actualidade, está afincado en Ámsterdam, onde deseña parques infantís case exclusivamente en madeira para Earthscape Play, unha empresa canadense. O seu rol consiste en asegurar que a calidade artística destes espazos xoga un papel diferencial nesa industria, ampliando as fronteiras temáticas e estéticas deste tipo de produtos sen deixar de lado a seguridade e a accesibilidade.

CATEGORÍA INCORPORACIÓN DO DESEÑO Á EMPRESA

O estudio de deseño Costa Comunicación Visual obtivo o premio na categoría de empresas cunha incorporación destacada do deseño na súa estratexia de negocio. Fundado en 2014, este estudio de deseño coruñés está formado por David Silvosa e Dani Bembibre. Desenvolven proxectos coa vontade de crear experiencias de marca a través da identidade visual, os espazos, o packaging e a dirección de arte a través do deseño. Entre os seus clientes figuran a Xunta de Galicia, Orballo, Coren, Cenor, Hijos de Rivera, Inditex, Fundación Barrié, Zendal, Nacións Unidas, Esprit, News Belgium, knitbrary, Instituto Tecnolóxico de Galicia, a Universidade de Vigo ou La Sociale Paris.

Tamén desenvolveron proxectos expositivos para Pinto & Chinto e proxectos editoriais como a dirección de arte das revistas Masgalicia e +Coruña, así como iniciativas pro-bono en apoio a organizacións deportivas e causas solidarias. O fío condutor do seu traballo é o deseño, entendendo esta disciplina como unha ferramenta que pon as cousas en orde, que pensa antes de actuar, que define unha intención en cada decisión.

CATEGORÍA PEMES INNOVADORAS

Centum Research&Technology é a gañadora na categoría de pemes innovadoras. Fundada en Vigo no ano 2010, Centum está especializada no deseño, desenvolvemento e comercialización de sistemas aeronáuticos de misión para operacións nos sectores de emerxencias, seguridade, defensa e aeroespacial.

O seu produto estrela é Lifeseeker, unha tecnoloxía que converte os smartphones en balizas de emerxencia capaces de guiar os equipos de rescate a unha localización exacta e que xa se está a utilizar en varios países de todo o mundo. Para asegurar que os seus esforzos están orientados a xerar valor no mercado aeronáutico, a empresa utiliza metodoloxías de deseño de produto centradas no cliente tales como Customer Development, Lean Startup ou Design Thinking.

CATEGORÍA GRANDES EMPRESAS INNOVADORAS

Pasek Minerales resultou gañadora na categoría de grandes empresas innovadoras. Esta empresa mineira galega posúe desde 1972 unha explotación ao descuberto na zona do Complexo Xeolóxico do Cabo Ortegal (A Coruña), dedicada á explotación de dunita, un mineral formado por silicato de magnesio.

O labor de I+D+i da empresa permitiulle ampliar a gama de aplicacións da dunita, que vai dende a siderurxia e a construción (por exemplo en forma de illante térmico e acústico) ata a agricultura (na fabricación de fertilizantes). Nos últimos anos intensificou a busca de solucións sostibles de valorización dos seus residuos, que se está a materializar en aplicacións innovadoras como a fabricación de materiais de construción capaces de capturar o CO2 ou de lastre para os muíños eólicos mariños.

CATEGORÍA TRAXECTORIA INNOVADORA

A científica e emprendedora Carme Pampín é a galardoada na categoría de traxectoria innovadora. Científica por vocación, Pampín mantén unha relación directa coa I+D+i, dende os seus primeiros traballos como investigadora química no laboratorio, ata o día de hoxe, liderando proxectos e a creación de empresas que poñen en valor no mercado os resultados destes.

A súa traxectoria emprendedora de máis de 20 anos materialízase na creación de varias iniciativas galegas nos sectores biotecnolóxico e das ciencias da vida: GalChimia (2001), AMSlab (2008), Origo Biopharma (2018) e ChemoSapiens (2019). O seu grande interese polo desenvolvemento do sector industrial en Galicia levouna a promover en 2010 a creación do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida en Galicia (Bioga), que presidiu durante 12 anos, e máis recentemente a do Hub de Innovación Dixital DATALife (2019).

O Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – Diferenza é un programa da Xunta de Galicia promovido a través da Axencia Galega de Innovación.

Artículo anterior

Abanico de planes navideños de la mano de Paradores

Siguiente artículo

Los clásicos, la apuesta de Pescanova para esta Navidad