“Pero ti, sabes de marketing?”, a nova campaña de Markea

marketing

Touriñán e Esther Estévez protagonizan os vídeos


REDACCIÓN


“Pero sabes de marketing?”, é o claim da nova campaña de Markea que este ano asina a axencia compostelá Closet Comunicación. Mensaxes directas, claras e sinxelas en forma de preguntas lanzadas á sociedade galega protagonizan unha estratexia atrevida que pretende revalorizar o papel dos profesionais do sector.

Con cuestións como “Pero ti, sabes calcular o cociente de conversión?”, “Pero ti, sabes o que é un produto aumentado?”, “Pero ti, sabes as túas vantaxes competitivas?”, a campaña de Markea para este 2022 convida a reflexionar sobre a importancia do traballo ben feito e de acudir aos que realmente saben de márketing á hora de promocionar e conectar unha marca ou un negocio co público.

Grandes empresas, pemes, microempresas e autónomos son o principal target da campaña na que de Closet Comunicación tamén recorre a personaxes televisivos, con moito gancho en Galicia, para reforzar a súa mensaxe.

Personaxes da televisión

O humorista e actor Xosé Antonio Touriñán e a presentadora Esther Estévez, que xeran grandes doses de empatía entre a audiencia, poñen a súa voz e a súa imaxe aos vídeos da campaña, onde se fan algunhas das preguntas que tamén locen en carteis e valos nas rúas e marquesiñas de autobuses.

“Todos temos un colega, un curmán, un cuñado ou coñecido que sabe de márketing ata que os que saben de márketing falan de márketing”, explican en Closet Comunicación.

Precisamente por este motivo, as pezas da campaña buscan dar a coñecer e analizar a imaxe do márketing e a dos seus profesionais en Galicia e a suma de valor que esta disciplina profesional achega ás empresas.

Non en balde, “Entón como carallo queres levar ti só o marketing do teu negocio” é a contundente apostila que acompaña a cada unha das preguntas que protagonizan a estratexia.

As pezas da campaña buscan dar a coñecer e analizar a imaxe do márketing e a dos seus profesionais

Por sorteo

A axencia Closet Comunicación, que dirixe Marta Ferro, foi elixida mediante un sorteo realizado por Markea, Creatividade Galega e Avante Evolumedia o pasado mes de outubro no Congreso Flúor e ao que se presentaron outras cinco axencias (Chachachá Studio, Reclam, Idea, quattro idcp, 100×100 e Kindergarten) para desenvolver a campaña deste ano.

Markea decidiu realizar este tipo de accións promocionais para visibilizar o sector e para presumir do talento galego. Desde o principio, o obxectivo estaba moi claro: contar ao mundo que en Galicia faise márketing do bo. Desde entón as súas campañas, con periodicidade anual, convertéronse en toda unha tradición en só catro anos. Así mesmo, por cuarto ano consecutivo, Avante Evolumedia foi a axencia de medios encargada de xestionar a campaña.

A campaña de Markea “Pero ti, sabes de márketing?” xa se atopa nas rúas de Galicia a través de valos, mupis e autobuses. A campaña inclúe ademais insercións en prensa escrita, cuñas de radio e vídeos en redes sociais.

Artículo anterior
Diseño

El Istituto Europeo di Design ofrece 36 becas de estudio para sus programas de máster y postgrado

Siguiente artículo
metaverso

Metaverso, cuando la ficción supera a la realidad