MARÍA EIMIL
Patricia Gabeiras
Socia fundadora Fundación Gabeiras
“Hai oportunidades para que o rural galego floreza de novo, pero hai que facelo con honestidade”
Como valora a experiencia do Festival de Innovación Social: Ares Innova 2021? Estou esperanzada porque creamos un método de traballo moi innovador para buscar solucións en territorios como Ares. A experiencia tivo moito éxito xa que puidemos detectar os recursos da zona, tanto humanos como naturais, para crear proxectos que permitan crear un novo futuro nese territorio.
A Fundación Gabeiras foi unha das entidades que puxo en marcha RuralLab. Como xurdiu o proxecto? Eu son galega, de Ares, e xurdiu pola sensibilidade ante o deterioro dos recursos, como o monte, o campo, e ao ver que non hai esperanzas de emprego na zona. Por iso pensamos como podiamos aplicar a este territorio metodoloxías de traballo que estaban a usarse noutras zonas. En definitiva, a orixe de RuralLab é moito amor á contorna e certa responsabilidade ecolóxica, medioambiental e de futuro.
Como pode loitar Galicia contra a despoboación? Con esperanza. Hai oportunidades para que o rural galego floreza de novo, pero hai que facelo con honestidade, responsabilidade e dunha forma participada, tendo en conta as iniciativas que xa existen.
Coa pandemia hai máis xente que quere vivir no rural. Así é, pero agora o gran reto é poñer en valor a actividade que se está a facer dende o rural para que a xente poida apostar pola vida no campo.
E que iniciativas saíron no festival? Saíron unhas oito iniciativas; unha delas para aproveitar o excedente das hortas de Ares, que é como unha mini Galicia porque ten campo, mar, monte… un pouco de todo. Unha delas foi aproveitar o exceso de froitas e verduras das nosas hortas para distribuílas. Outra foi repensar o Montefaro, recuperar o bosque autóctono e convertelo nunha fonte de ingresos. En definitiva, RuralLab consegue localizar talento e formar equipos para abordar este tipo de iniciativas.