Patricia Argerey: “O deseño é unha ferramenta esencial para innovar”

Patricia Argerey
Directora da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia

“O ecosistema galego de deseño é moi rico


REDACCIÓN


Este xoves 29 de xuño terá lugar en Ferrol o VI Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial en Galicia, que atoparán as persoas que asistan ao evento? Unha das prioridades do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – Diferenza é contribuír a formar comunidade. O ecosistema galego de deseño é moi rico e nós puxémonos como obxectivo fomentar que as empresas galegas, especialmente as pemes, o coñezan e sexan conscientes do seu valor como unha ferramenta estratéxica capaz de aumentar a súa capacidade de innovar e ser máis competitivas. O encontro de deseño naceu para isto, para impulsar esas conexións e tamén unha maior interacción entre os propios profesionais do deseño, proporcionándolles un punto de encontro do que obter sinerxías. Por suposto, tamén pretende ser unha fonte de inspiración sobre novas tendencias e casos de éxito e un foro para compartir boas prácticas. Pensamos que esta é unha excelente maneira de celebrar o Día Mundial do Deseño Industrial, aínda que o evento, que este ano chega xa á súa sexta edición, sempre busca un enfoque máis global, que sexa de interese para calquera persoa ou empresa que traballe ou que busque solucións en calquera especialidade do deseño, dende o gráfico e o estratéxico ata o de espazos e o dixital, pasando polo de moda, o de produto e, por suposto, o industrial.  

‘O deseño como ferramenta para xerar impacto’ é o tema da nova edición. En que áreas afondará a cita? O deseño é unha ferramenta esencial para innovar e, en consecuencia, para xerar crecemento económico, sustentabilidade e benestar social. Esa tripla perspectiva do seu impacto é a que queremos explorar este xoves en Ferrol, no CIS Tecnoloxía e Deseño. Para ilustrar isto a través de experiencias prácticas e cargadas de valor, eliximos a representantes de seis pemes galegas que son exemplos de como o deseño pode impulsar a competitividade, a innovación inclusiva, o emprendemento social e o desenvolvemento sustentable. Unha das fundadoras do despacho de avogados Gabeiras & Asociados explicaranos como aplican o deseño para priorizar o impacto responsable da actividade legal e dende o estudio de deseño Desoños expoñerán como conseguen a sintonía entre tecnoloxía e artesanía, tradición e innovación.  DesignThinking.gal mostrará a súa aposta pola innovación inclusiva e diversa a través de metodoloxías de deseño e Envita presentará a súa experiencia no deseño de solucións dixitais para o emprendemento social no ámbito da atención ás persoas maiores. Por último, poderemos coñecer a capacidade do deseño para contribuír ao desenvolvemento sustentable a través das experiencias de Sinerxia Plus, especializada no impulso dos sectores pesqueiro e agroalimentario baixo criterios de sostibilidade, e The Painter’s Wife, fabricante de accesorios para mascotas que prioriza valores como a produción local e o benestar animal. Penso que é un cartel de relatores excepcional para calquera que teña interese en explorar facetas do deseño que teñen un impacto positivo de moito maior calado que o que moitas veces se percibe de xeito superficial.

“O encontro pretende ser unha fonte de inspiración sobre novas tendencias e casos de éxito e un foro para compartir boas prácticas”

Os Premios Galicia de Innovación e Deseño están a piques de abrir unha nova convocatoria. Que mensaxe lle trasladaría ás persoas e empresas que son potenciais candidatas para que dean o paso de presentarse? En efecto, lanzaranse a vindeira semana e o prazo estará aberto ata o 30 de setembro. Esta é xa a cuarta convocatoria duns galardóns que puxemos en marcha con moita ilusión porque teñen o propósito de recoñecer a quen máis contribúe a poñer en valor o deseño e a innovación como motores do mellor futuro para Galicia. Queremos darlle visibilidade ás persoas e empresas que, dende esferas distintas e complementarias, representan o mellor do deseño e da innovación marca Galicia. Por iso convocamos estes galardóns en seis categorías que recoñecen a profesionais consolidados e emerxentes e a pemes e grandes empresas que son referentes, como o son os premiados e premiadas nas edicións anteriores. Falo de profesionais do deseño consolidados como Isaac Piñeiro, Desescribir e Cenlitrosmetrocadrado e emerxentes como Sara Regal, Damián Calvo e as Yarza Twins. Tamén de empresas que destacan na súa incorporación do deseño, como Unvi Carroceros, Televés e TMC Cancela, e outras que son referentes en innovación, como Cupa Innovación, Ceamsa, Congalsa, GalChimia, Alén Space e Marine Instruments. E, por suposto, de persoas que son en boa medida responsables de que a innovación marca Galicia veña avanzando cada vez con máis forza, como Francisco Guitián, Fernando Pérez e Catalina Fernández de Ana. Sabemos que estes galardóns xa foron a orixe de novas colaboracións e proxectos para quen os recibiu dende a primeira edición en 2020, grazas á visibilidade que proporciona a súa difusión, e por iso quero animar a todas as empresas e profesionais que apostan polo deseño a presentarse e visibilizar así como o deseño é un investimento que xera retornos.

As pemes e microempresas galegas poderán atopar apoio para incorporar o deseño na súa estratexia de negocio grazas á próxima convocatoria das axudas DeseñaPeme… As axudas DeseñaPeme foron as primeiras que se puxeron en marcha en Galicia para apoiar de maneira específica a incorporación do deseño na estratexia empresarial. Nas dúas primeiras convocatorias mobilizaron xa seis millóns de euros e esta terceira, que nesta edición se convoca conxuntamente co programa InnovaPeme e está a piques de publicarse, está dotada con 1,5 millóns para mobilizar outros tres. Son axudas que cobren o 50 % do orzamento dos proxectos, o que lles permitiu xa a máis de medio cento de pemes incrementar a súa capacidade innovadora e a súa competitividade grazas á incorporación do deseño de marca, de produto ou de servizos, cun impacto moi significativo nalgúns dos aspectos máis relevantes da actividade empresarial. Refírome a factores tan estratéxicos como o volume de vendas, a diferenciación no mercado, a fidelización da clientela ou a internacionalización.

Que novidades presenta este ano? Como novidade na convocatoria deste ano, aumentamos a porcentaxe dos anticipos e os prazos de xustificación das axudas, conscientes do importantes que son para as empresas o acceso áxil ao financiamento e as facilidades nos trámites administrativos. Ademais, por primeira vez poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades do terceiro sector, en recoñecemento ao importante labor que realizan en termos de acción social. En definitiva, queremos contribuír a que o deseño estratéxico se converta nun elemento importante e habitual na planificación, nos procesos e no modelo de negocio das pemes galegas e seguiremos traballando para que ningún proxecto deste tipo se quede sen apoio. Por iso é importante que as empresas e entidades concorran a esta convocatoria.

Que supón para o deseño galego que a nosa comunidade represente a España como país convidado da edición 2023 da Porto Design Biennale? A Porto Design Biennale logrou converterse con tan só dúas edicións celebradas nun evento de referencia en toda Europa. Galicia colaborara xa nas bienais de 2019 e 2021 e participar agora como representante do país convidado é unha verdadeira honra e unha grande oportunidade. En primeiro lugar, permitirá reforzar de xeito significativo a difusión e promoción do deseño galego a nivel internacional e, ademais, representa unha ocasión perfecta para consolidar a alianza de Galicia e o norte de Portugal dende un punto de vista estratéxico e creativo e como punto de partida para a posta en marcha de máis iniciativas comúns. Estamos a traballar de maneira intensiva nunha programación que presentaremos en detalle a finais deste verán, pero podo adiantar que incluirá unha exposición de gran formato que permanecerá aberta en Matosinhos durante toda a duración da bienal, un proxecto editorial, conferencias e talleres, actividades todas elas centradas no deseño para a innovación e a artesanía con selo galego. Agardamos con moita ilusión esta cita na que, como todas as iniciativas do programa Diferenza, queremos contar coas ideas e a contribución das persoas que compoñen o ecosistema galego de deseño porque este recoñecemento a Galicia débese ao seu esforzo, dedicación e talento.

Artículo anterior
Moli

Tony Le Brand se queda sin su alma máter: Moli

Siguiente artículo
Fotografiarte Canon

El Jardín Botánico de la UCM exhibe las obras del concurso Fotografiarte