A chegada da Alta Velocidade a Galicia impulsa a atracción de visitantes á comunidade no segundo ano do Xacobeo 21-22
REDACCIÓN
Ourense colle velocidade. Con este lema preséntase a campaña de comunicación do Inorde, o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico, organismo dependente da Deputación de Ourense, para anunciar a chegada do AVE a Galicia con porta de entrada a través desta provincia. Nesta campaña, realizada co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, púxose en marcha un spot promocional que se está a proxectar en diferentes puntos estratéxicos de Madrid, así coma en redes sociais e noutras plataformas dixitais.
Esta acción de comunicación compleméntase coa instalación dun stand informativo ubicado nas principais estacións de Madrid: Chamartín (de onde teñen saída os trens Madrid-Galicia) e Atocha, coma principal punto de tráfico de viaxeiros da Alta Velocidade en España.
A chegada da Alta Velocidade a Galicia supón un aumento de frecuencias e a redución de tempos de viaxe ata 2 horas e 15 minutos entre Madrid Chamartín e Ourense. Renfe habilitará o servizo de restauración a bordo, que o viaxeiro pode adquirir no momento da compra do billete; activará os billetes Prémium, asentos confort para desfrutar de máis espazo e comodidade, e mellorará a política de cambios e anulacións.
Outra das novidades é a ampliación do servizo de menores sen acompañante para que os nenos de 6 a 13 anos poidan realizar a viaxe coa supervisión do persoal de Renfe a bordo do tren.
Vantaxe competitiva
Esta nova conexión ferroviaria coa capital española impulsará a atracción de visitantes á comunidade no segundo ano do Xacobeo 21-22. Tamén ofrece unha vantaxe competitiva para captar turistas de todo o territorio nacional e, sobre todo de Madrid, o mercado maioritario dos visitantes que chegan ao destino de Galicia. Supón, ademais, un punto de inflexión que se reforzará con investimentos, como son os previstos no Plan de Sustentabilidade Turística Ourense Provincia Termal, e co futuro balneario proxectado no actual Pazo Provincial no centro da cidade de Ourense.