Óscar Torres: «A nosa maior diferenciación é expresar o que somos»

Foto: Carmen Verdú

Óscar Torres
Responsable de Comunicación e Márketing de Orballo

“O deseño realmente é a ferramenta para poder expresar esa diferenciación que ti xa tes de forma intrínseca”


ROCÍO MOARES


O 26 de setembro celebrouse na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago, a xornadaDa idea ao resultado. Casos de éxito do deseño galego” á que asistiron arredor dun cento de persoas para coñecer de primeira man a experiencia de cinco empresas que incorporan o deseño como ferramenta de crecemento e competitividade. Así, representantes de Hotel Bela Fisterra, Porto-Muiños, Fina Rei e Revertia, xunto a Óscar Torres, responsable de Comunicación e Márketing de Orballo, expuxeron como están a potenciar factores como a diferenciación, a funcionalidade, a experiencia de usuario, a sostibilidade e a accesibilidade grazas á implantación do deseño nas súas estratexias. Esta implantación está a ser posible grazas ao apoio de DeseñaPeme, a liña específica de axudas da Xunta de Galicia promovida no marco do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – DIFERENZA, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN).

“O próximo reto a nivel empresa é cultivar en Galicia e seguir fomentando os seus valores e aumentando superficie de té e de cultivo”

A singularidade no deseño foi unha das vosas apostas desde a orixe, ¿acadouse a relevancia esperada? Cada marca reflicte como é a persoa que a xestiona. Esa é a nosa maior diferenciación, expresar o que somos. Fronte a marcas que teñen 40-50 anos de antigüidade, a nosa é unha marca nova, con outros xeitos de entender a terra e o mundo que a rodea. E o deseño realmente é a ferramenta para poder expresar esa diferenciación que ti xa tes de forma intrínseca.

Que aspectos do packaging son os máis valorados polos consumidores? Un consumidor cando chega ao supermercado o primeiro que fai é coller a caixa porque lle chaman á atención os namings, os claims e as mensaxes. Cando colle o estoxo é o momento clave para intentar cativalo cos nosos valores. Aí o consumidor mira as mensaxes e pode empatizar coa marca e decidir mercala ou non. Se lle aparece outra inserción de Orballo dixitalmente, xa pode profundizar moito máis e aí é a hora da verdade, cando o cliente entende o que facemos. Por iso o deseño é tan importante, porque temos que explicar o que facemos para que nos merquen.

Como se plasman os vosos valores nas instalacións? Nós vivimos no campo e as nosas instalacións son o campo; é o que nos representa. Na tenda e no resto dos espazos intentamos utilizar materiais que se adapten, porque vai implícito nos nosos valores. Utilizamos moi pouco plástico, e se podemos evitalo, evitámolo. As estanterías son en madeira e os recursos hídricos tamén se aproveitan. Tratamos o campo totalmente en sintonía. Desde as técnicas de cultivo (evitamos utilizar malla para cubrir o solo, por exemplo) ata o coidado da contorna como un espazo no que poder estar.

Cales son os retos de futuro de Orballo? O próximo reto a nivel empresa é cultivar en Galicia e seguir fomentando os seus valores e aumentando superficie de té e de cultivo. No eido da marca, seguir sumando talento, atopar persoas que teñan certas sensibilidades, e que estes valores se sigan mantendo. O maior dos retos para min é seguir traballando con persoas que poidan aportar e seguir sumando ao proxecto.

Artículo anterior

O 15 de outubro remata o prazo de inscrición para participar nos IX Premios Paraugas

Siguiente artículo

Áurea estrena "Os Retornados" como parte de su campaña de rebranding