Os XI Premios Paraugas reúnen 34 proxectos finalistas e estrean retransmisión en directo en Agalega

Presentación dos Premios Paraugas en Ferrol.

Os galardóns do Clúster da Comunicación de Galicia darán a coñecer os seus gañadores o 13 de novembro no Teatro Jofre de Ferrol


REDACCIÓN


Os XI Premios Paraugas xa teñen finalistas. Un total de 34 proxectos, que suman 39 candidaturas, competirán polos recoñecementos que cada ano concede o Clúster da Comunicación de Galicia para distinguir o talento, a creatividade e a innovación da industria galega da comunicación e o márketing. A relación de finalistas presentouse este martes no Concello de Ferrol, cidade que volverá acoller a gala de entrega o próximo 13 de novembro no Teatro Jofre.

A principal novidade desta edición será a retransmisión da cerimonia en directo a través de Agalega, a plataforma de contidos da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG). Trátase da primeira vez que os Premios Paraugas contarán con esta difusión audiovisual, un paso que amplía o alcance dunha cita xa consolidada como un dos principais puntos de encontro da industria da comunicación en Galicia.

A principal novidade desta edición será a retransmisión da cerimonia en directo a través de Agalega

A presentación oficial celebrouse no Salón de Recepcións do Concello de Ferrol e contou coa participación do alcalde da cidade, José Manuel Rey Varela; a presidenta do Clúster da Comunicación de Galicia, Marta Ferro; a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; e o secretario xeral da Lingua, Valentín García Gómez. Tamén asistiron representantes da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, ABANCA, a Xunta Directiva do Clúster e diferentes entidades asociadas.

“O sector cambia e os Paraugas evolucionan con el. Queremos recoñecer a diversidade do talento galego e facer visible o valor que a comunicación, o deseño e o márketing achegan ás empresas e á sociedade”, destacou Marta Ferro durante o acto.

Pola súa banda, Rey Varela celebrou que Ferrol volva ser sede dos premios, unha circunstancia que se produce por cuarta vez. “Con esta cuarta vez creo que estou en disposición de dicir que Ferrol é xa parte da historia destes premios”, sinalou o rexedor.

Unha convocatoria para reflectir a evolución do sector

A undécima edición chega cunha reorganización das categorías coa que o Clúster pretende representar mellor a diversidade de disciplinas e especialidades que conviven na industria. Entre os cambios destaca a separación do deseño gráfico e o deseño dixital en categorías independentes, así como a incorporación de recoñecementos específicos para as redes sociais e a comunicación.

A undécima edición chega cunha reorganización das categorías coa que o Clúster pretende representar mellor a diversidade de disciplinas e especialidades

A convocatoria tamén reforza o peso da eficacia das estratexias, a construción de marca e a capacidade dos proxectos para xerar un impacto positivo. Neste sentido, incorpora unha categoría específica para accións vinculadas a Galicia, destinada a recoñecer iniciativas que contribúan á promoción da identidade, a lingua, a cultura e o territorio.

O Premio Estudantes mantense como unha das apostas da organización para dar visibilidade ás novas xeracións de profesionais e ás propostas creativas que están a xurdir no ámbito formativo.

A selección dos finalistas correspondeu a un xurado integrado por quince profesionais vinculados a Galicia e presidido por Xisela López, directora creativa executiva. O equipo avaliador reúne perfís procedentes de ámbitos como a creatividade, o deseño, a comunicación, os medios e a organización de eventos.

Estrella Galicia, Fnac, Gadis e o Deportivo, entre as marcas protagonistas

A listaxe de finalistas evidencia a diversidade de clientes, sectores e formatos nos que traballan as axencias e os estudos galegos. Entre as marcas presentes nesta edición figuran Estrella Galicia, Fnac, Gadis, Feiraco e o Real Club Deportivo da Coruña, con campañas que compiten en diferentes categorías.

Un dos proxectos con maior presenza é Hielo Estrella Galicia, desenvolvido por Imaxe, Havas Media e Evercom para Hijos de Rivera, que opta aos premios de mellor idea creativa e mellor campaña publicitaria.

A convocatoria tamén reforza o peso da eficacia das estratexias, a construción de marca e a capacidade dos proxectos para xerar un impacto positivo

Tamén destaca a actividade de Recados Carmen para Fnac, con dúas propostas diferenciadas: Dumbphone, finalista na categoría de idea creativa, e Menos Smart, que suma candidaturas en campaña publicitaria e comunicación.

No ámbito das redes sociais e da eficacia en márketing figura idealo x La Velada del Año VI, de Brutal Studios, que competirá en ambas as categorías. Pola súa banda, Nasas chega á selección con varias propostas vinculadas a Gadis, entre elas Lenzos, as letras en cor e Mucho que contar.

A renovación da identidade do Deportivo, baixo o concepto Nova identidade. Mesmo sentimento, tamén forma parte da selección, neste caso na categoría de creación ou estratexia de marca. A relación complétase con iniciativas culturais e musicais como O Son do Camiño, de Esmerarte, finalista na categoría de mellor evento cultural, gastronómico ou musical.

Talento e proxectos das catro provincias galegas

A representación territorial é outro dos elementos que caracterizan esta edición. A relación de finalistas inclúe axencias e estudos das catro provincias galegas, cunha combinación de empresas consolidadas e propostas especializadas en diferentes ámbitos da comunicación. Entre os nomes presentes figuran Nasas, da Coruña; Atalaya Comunicación, de Lugo; Casa Pransa, de Ourense; e Chachachá Studio, de Vigo.

A representación territorial é outro dos elementos que caracterizan esta edición

Os seus traballos permiten observar a amplitude temática dos premios. Atalaya Comunicación compite na categoría de impacto positivo con Morte segura, desenvolvido para Serfuja. Casa Pransa sitúa Mar de Santiago entre os finalistas de creación ou estratexia de marca, mentres que Chachachá Studio opta ao premio de mellor deseño dixital con SUS-SOIL: infografía animada, realizado para SUS-SOIL/Feuga.

Nasas, pola súa banda, conta con presenza en distintas categorías grazas aos seus proxectos para Gadis e á iniciativa O galego xa é teu, desenvolvida para a Comisión Interuniversitaria de Galicia e seleccionada na categoría de acción ou estratexia vinculada a Galicia.

A relación completa de finalistas, categoría por categoría

A categoría de mellor produción gráfica conta cunha única candidatura finalista: Exposición permanente CMAG Vigo, de Imprimeverde para o Concello de Vigo. En mellor deseño gráfico, os proxectos seleccionados son Iogures gregos e galelos, de IDEA Creatividad y Comunicación para Feiraco; Presentes, de Fémur para a Xunta de Galicia; e Restyling Brand de Arión, de Imaxe Intermedia.

Pola súa banda, o premio ao mellor deseño dixital decidirase entre SUS-SOIL: infografía animada, de Chachachá Studio para SUS-SOIL/Feuga, e Castelao. A derradeira leición do mestre, de Orestes Comunica para o Museo de Pontevedra.

Entre os nomes presentes figuran Nasas, da Coruña; Atalaya Comunicación, de Lugo; Casa Pransa, de Ourense; e Chachachá Studio, de Vigo

En mellor idea creativa, os finalistas son Acariciadores de muebles, de Recados Carmen para Malasa; Hielo Estrella Galicia, de Imaxe, Havas Media e Evercom para Hijos de Rivera; e Dumbphone, de Recados Carmen para Fnac. Na categoría de mellor campaña publicitaria, competirán Na galega os anuncios duran para sempre, de Tío Phill para CSAG-TVG; Hielo Estrella Galicia, de Imaxe, Havas Media e Evercom para Hijos de Rivera; e Menos Smart, de Recados Carmen para Fnac.

O apartado de mellor acción ou estratexia en redes sociais reúne Siempre mascotas nunca menoscotas, de Lapera para Lenda Pet Food; Cluedo Estrella Galicia 0,0. El misterio de las cervezas robadas, de Seteseis Comunicación e Creatividade; e idealo x La Velada del Año VI, de Brutal Studios. Estes dous últimos tamén comparten protagonismo con Birdmind at 3DAYSOFDESIGN, de Closet Comunicación, na categoría de estratexia de márketing máis eficaz, na que completan a selección idealo x La Velada del Año VI e Siempre mascotas nunca menoscotas.

No recoñecemento á mellor creación ou estratexia de marca, as candidaturas son Branding Auga das Traídas de Tomiño, de Nuria Carballo Studio; Nova identidade. Mesmo sentimento, do R. C. Deportivo da Coruña; e Mar de Santiago, de Casa Pransa. Pola súa banda, a categoría de mellor acción ou estratexia de comunicación conta con Acariciadores de muebles, de Recados Carmen para Malasa; XEAL: influencia e alcance estatal e europeo dende a Costa da Morte, de Atrevia; e Menos Smart, de Recados Carmen para Fnac.

Unha das incorporacións desta edición, a categoría de mellor acción ou estratexia vinculada a Galicia, reúne tres proxectos

Unha das incorporacións desta edición, a categoría de mellor acción ou estratexia vinculada a Galicia, reúne tres proxectos: Lenzos, as letras en cor, de Nasas para Gadis; Novo reposicionamiento marca da CSAG-TVG, de Tío Phill; e O galego xa é teu, de Nasas para a Comisión Interuniversitaria de Galicia.

No ámbito da comunicación ou márketing de impacto positivo, os finalistas son Morte segura, de Atalaya Comunicación para Serfuja; Mucho que contar, de Nasas para Gadis; e El Filtro, de Miraveo para Cruz Roja. En mellor evento corporativo, a selección inclúe o IV Foro de Activistas do Rural, de Atrevia para Grupo Lence; Galicia Biodays, de ingenyus para Bioga; e Momento Calma – Foro da Muller e o Benestar na Peri e Menopausa, de Javier Varela.

A categoría de mellor evento cultural, gastronómico ou musical conta con A nosa verbena 2026, de IDEA Creatividad y Comunicación para Estrella Galicia; O Son do Camiño, de Esmerarte; e Xuventude na onda, de Closet Comunicación para a Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia.

O Premio Paraugas Estudantes recoñecerá unha das tres propostas presentadas por novos talentos

Finalmente, o Premio Paraugas Estudantes recoñecerá unha das tres propostas presentadas por novos talentos: Galego de Peto-Minidicionario-chaveiro, de Larissa da Silveira; Frecha-Escribe tu camino, de Micaela Mosquera; e Despierta Humano. Crea, de Lara Chao.

José María Fonseca recibirá o Paraugas de Honra

A gala do 13 de novembro terá tamén un espazo reservado para o recoñecemento á traxectoria profesional e ao compromiso coa creatividade. O Clúster da Comunicación de Galicia entregará o Premio Paraugas de Honra Galicia Calidade a José María Fonseca Moretón, impulsor da Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda–Concurso Francisco Mantecón.

O recoñecemento distingue a súa contribución á promoción e posta en valor do deseño e da creatividade, coincidindo co 25 aniversario dun certame que reuniu ao longo da súa historia 23.300 carteis procedentes de creadores de 107 países.

O Clúster da Comunicación de Galicia entregará o Premio Paraugas de Honra Galicia Calidade a José María Fonseca Moretón

A entrega deste galardón incorpora así á celebración dos Premios Paraugas unha dimensión internacional, vinculada á difusión do cartelismo e á conexión do deseño galego co panorama creativo global.

A undécima edición está organizada polo Clúster da Comunicación de Galicia e conta coa Xunta de Galicia, Galicia Calidade, Xacobeo 2027 e o Concello de Ferrol como aliados institucionais estratéxicos. A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e a Deputación da Coruña participan como entidades colaboradoras, mentres que Raiola Networks, CESUGA, Estrella Galicia, ABANCA, Vandal e tac! son patrocinadores colaboradores. Markea, Creatividade Galega, Dircom e OPC Galicia colaboran como entidades sectoriais, xunto coa Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia e Servizos Gráficos.

A conta atrás para coñecer os gañadores xa está en marcha. O 13 de novembro, o Teatro Jofre converterase no escaparate do talento creativo galego nunha edición que busca reflectir a transformación da industria e a crecente diversidade de disciplinas que a conforman.

Artículo anterior

Aceites Abril homenajea a los abuelos y abuelas de Galicia

Siguiente artículo

Nortempo ofrece 1.000 euros por recorrer Madrid, Vigo y Oporto y elegir dónde se vive mejor la Navidad