Os procesos de venda B2B centran unha xornada formativa promovida en colaboración coa Galicia Business School

Galicia Business School

Desenvolverase o vindeiro 19 de maio


REDACCIÓN


Galicia Business School, entidade integrada no noso Clúster, promove o vindeiro 19 de maio a xornada formativa Os procesos de venda B2B, dirixida a todas as empresas interesadas que desenvolvan a súa actividade na cadea de valor da comunicación.

Trátase dunha xornada formativa que posúe, entre outros, o obxectivo de contribuír a reforzar as habilidades comerciais, coa especificidade de que o cliente é unha empresa e, polo tanto, máis esixente, detallista e investigativo. Tamén ten como obxectivo esta xornada axudar a promover que a venda consultiva sexa unha gran aliada empresarial.

A Galicia Business School é socia do noso Clúster

Xunto a isto, comprender e saber valorar os factores que inflúen nun proceso de venda B2B é outro dos obxectivos da xornada, ao tempo que se ofrecerán ferramentas para axudar aos inscritos a detectar as necesidades do cliente e encaixalas nos produtos ou servizos que se ofrecen. Finalmente, tamén se detallarán claves da metodoloxía inbound marketing.

Dinámica moi participativa

Cunha dinámica lectiva moi participativa, facendo uso de experiencias grupais, casos e role playing, o experto Xabier Obón, especializado en xestión comercial, liderado e desenvolvemento e cohesión de equipos será o encargado de impartir esta formación, que durará catro horas.

A xornada terá lugar na sede central da Galicia Business School, en Santiago de Compostela, e a actividade non terá custo algún para as empresas que pertenzan ao noso Clúster. Poderá, incluso, asistir máis dun participante por empresa. Os non asociados tamén poden inscribirse chamando previamente ao teléfono 881 977 102 ou a través do enderezo electrónico info@clustercomunicacion.gal.

Converter a venda consultiva nunha aliada, un dos obxectivos desta xornada

Debido á metodoloxía interactiva e participativa que se empregará, aconséllase asistencia presencial. Malia isto, no caso de que non se poida asistir presencialmente, tamén se pode participar de xeito virtual na xornada. Para máis información, os interesados poden acceder e inscribirse AQUÍ.

Sobre a Galicia Business School

A Galicia Business School  é unha comunidade educativa xurdida en Vigo para dar respostas formativas aos inscritos e inscritas nos seus diferentes programas formativos. Cun cento de profesionais do máximo nivel, procedentes tanto de Galicia coma do resto de España, esta entidade significase por ofrecer experiencias moi prácticas aos seus alumnos para axudalos a interiorizar os diferentes contidos que se programan.

Trátase, pois, dun proxecto no que participan sobranceiros empresarios como docentes e que, ademais disto, conta co apoio de importantes institucións empresariais galegas. Opera sempre baixo unha filosofía: ser un centro de profesionais para profesionais e da empresa para as empresas. Así, os seus programas nacen da empresa e teñen como destino a mellora da competitividade en Galicia.

Artículo anterior

Jessica Apellaniz, presidenta do Gran Xurado da 36ª edición de El Sol

Siguiente artículo
Global en Galicia - Javier Mariño de Oya

Javier Mariño de Oya: “El reto de Global en Galicia es la consolidación de las campañas de transit”