Os premios Spin-Off PuntoGal lanzan a súa quinta edición

O Dominio PuntoGal e o portal GCiencia acaban de convocar a quinta edición dos Os premios Spin-Off PuntoGal, que recoñecen as iniciativas máis innovadoras xurdidas no ámbito das tres universidades públicas galegas. As candidaturas poden presentarse ata o próximo 15 de setembro. A Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia e Gadis colaboran nestes galardóns.

Como xa ocorrera en 2020, nesta edición os premios Spin-Off PuntoGal recoñecerán a labor desenvolvida polas empresas e polos grupos de investigación das universidades galegas en tres apartados diferentes. O obxectivo é o de recoñecer a transferencia de coñecemento entre a universidade e a empresa e alentar o emprendemento que xorde desde os grupos de investigación universitarios.

Compañías e grupos de investigación innovadores poderán presentar as súas candidaturas ata o 15 de setembro

No apartado Selo de Calidade recoñecerase á empresa galega que teña consolidado ao longo do tempo unha traxectoria empresarial de prestixio. Ademais, as empresas que irrompesen nos últimos meses no mercado cunha idea ou proxecto de marcado carácter innovador serán recoñecidas no apartado Idea Emerxente.

Por segunda vez os galardóns contarán cunha categoría que recoñecerá o traballo dun grupo de investigación dependente dalgunha das tres universidades galegas. Para a concesión deste premio, o xurado terá en conta aspectos coma as innovacións obtidas, os proxectos emprendidos, as publicacións realizadas e o grao de colaboración con empresas.

As empresas e os grupos de investigación interesados en participar nestas dúas últimas  categorías poderán enviar a súa candidatura á dirección de correo electrónico spinoff@dominio.gal, ou ben a través do formulario dispoñible na seguinte ligazón: https://i.gal/spinoffV.

O xurado

O xurado terá en conta na súa valoración cuestións como as patentes rexistradas, os artigos publicados en revistas de prestixio ou a participación en proxectos multidisciplinares de I+D+i. Ademais, salientaranse proxectos liderados por mulleres ou equipos onde a presenza da muller sexa relevante tanto en número coma en xerarquía, así como o uso do galego na comunicación interna e externa do grupo ou da empresa.

O xurado estará integrado por investigadores de prestixio e por representantes do mundo universitario, institucional e empresarial. Os finalistas e os gañadores nas distintas categorías daranse a coñecer antes do 30 de outubro e o acto de entrega de premios celebrarase no último trimestre deste ano.

A evolución das distintas fases do Premio iranse detallando no novo microsite talentodeGalicia.gal, un portal creado por GCiencia para dar a coñecer as novidades no mundo da innovación. As bases dos premios pódense consultar na ligazón (https://i.gal/bas) e na páxina web de PuntoGal.

Dominio PuntoGal

PuntoGal, con preto de 6.000 dominios rexistrados, asóciase con GCiencia como co-organizador e patrocinador principal destes galardóns, no marco do seu programa corporativo de apoio a iniciativas de interese para Galicia. O obxectivo do dominio é recoñecer o traballo realizado nas universidades públicas galegas no ámbito da investigación e da innovación, así como a súa achega ao tecido económico do país.

GCiencia é un xornal dixital centrado no fomento do coñecemento científico e tecnolóxico entre un público xeralista. Con ata 5,5 millóns de visitas e 400.000 visitantes únicos mensuais, reúne a unha comunidade de case 100.000 persoas en redes sociais. O proxecto conta con numerosos galardóns, entre eles o Prismas 2019 ao Mellor Novo Medio, o galardón máis prestixioso á divulgación científica de España, e o Premio da Crítica de Galicia 2020.

Artículo anterior
Actitud Río

La campaña ‘Actitud Río’, premiada en los Best!N Food 21

Siguiente artículo
Aceites Abril

Con Aceites Abril y Tony Le Brand, mejora la película