Os Premios Paraugas regresan a Ferrol cunha nova estrutura

A XI edición celebrarase de novo no Teatro Jofre, cunha gala que reunirá a toda a cadea de valor da comunicación de Galicia


REDACCIÓN


Os Premios Paraugas, os galardóns da comunicación e do márketing de Galicia promovidos polo Clúster da Comunicación de Galicia, regresarán a Ferrol o vindeiro 13 de novembro para celebrar a súa XI edición. O Teatro Jofre acollerá de novo ao sector nunha gala na que se darán a coñecer os mellores traballos realizados desde Galicia no último ano.

O certame busca poñer en valor a calidade do traballo feito desde a comunidade e enxalzar a función da creatividade, o deseño, a produción gráfica, o márketing, a comunicación e os eventos como motores de competitividade e innovación. Nesta edición, os premios renovan a súa estrutura para representar con maior precisión a diversidade de disciplinas, formatos e ámbitos de traballo que conforman actualmente o sector.

O prazo de inscrición xa está aberto e permanecerá activo ata o 13 de outubro. As candidaturas deberán presentarse a través da web oficial dos Premios Paraugas, onde tamén se poden consultar as bases completas da convocatoria.

Trece categorías para un sector cada vez máis diverso

Un dos principais cambios desta edición é a ampliación e a especialización das categorías competitivas. Os XI Premios Paraugas contarán con 13 galardóns, fronte aos dez da pasada edición, incorporando novos ámbitos de traballo e redefinindo outros xa existentes.

No ámbito do deseño, a categoría única das anteriores edicións dá paso a dous recoñecementos diferenciados: Mellor Deseño Gráfico e Mellor Deseño Dixital, este último aberto a proxectos como páxinas web, aplicacións, interfaces, experiencias dixitais de usuario ou visualización de datos interactiva.

O Premio Galicia Calidade convértese no recoñecemento honorífico da edición e o antigo Novos Talentos pasa a ser un Premio Estudantes dirixido ao talento en formación

Créase ademais un Premio á Mellor Acción ou Estratexia en Redes Sociais, destinado tanto a estratexias continuadas de creación de comunidade como a campañas puntuais que empreguen estas plataformas dun xeito diferencial.

Entre as principais novidades atópanse tamén o Premio á Mellor Acción ou Estratexia vinculada a Galicia, para proxectos que contribúan á promoción e proxección da identidade, lingua, cultura ou territorio galegos, e o Premio á Mellor Acción de Comunicación ou Márketing de Impacto Positivo, que recoñecerá iniciativas capaces de xerar, ademais de resultados comunicativos, un beneficio social, cultural, ambiental ou comunitario.

Complétanse as categorías cos premios á Mellor Produción Gráfica, Mellor Idea Creativa, Mellor Campaña Publicitaria, Estratexia de Márketing máis Eficaz, Mellor Creación ou Estratexia de Marca, Mellor Acción ou Estratexia de Comunicación, Evento Corporativo e Evento Cultural, Gastronómico ou Musical.

Un único premio honorífico

A estrutura dos recoñecementos especiais tamén cambia nesta XI edición. O Premio Galicia Calidade pasa a converterse no recoñecemento honorífico dos Premios Paraugas, substituíndo o anterior modelo de dous premios honoríficos vinculados á creatividade e ao deseño. O galardón distinguirá unha persoa ou institución pola súa traxectoria, contribución ao sector ou vinculación cos principios que inspiran os premios, e será designado pola Xunta Directiva do Clúster.

Tamén se reformula o recoñecemento ás novas xeracións. O anterior Premio Novos Talentos convértese no Premio Estudantes, dirixido especificamente a persoas maiores de 18 anos matriculadas en escolas ou facultades galegas de comunicación, deseño ou comunicación visual.

O prazo para presentar candidaturas está aberto ata o 13 de outubro a través de premios.clustercomunicacion.gal

Pola súa banda, mantense o Premio Paraugas de Ouro, o maior recoñecemento dos Premios Paraugas, que se escollerá entre as candidaturas que resulten gañadoras das diferentes categorías.

Novidades na presentación dos traballos

Como novidade nesta edición, a presentación dos traballos incorpora novos materiais obrigatorios: un board da candidatura (que deberá recoller o brief ou reto, a solución ou estratexia desenvolvida e os resultados obtidos) e un conxunto de ata 15 imaxes en alta definición (HD). De forma opcional, as empresas e profesionais poderán achegar un vídeo de presentación de ata 1 minuto e unha peza audiovisual de ata 20 segundos.

Toda a información sobre categorías, bases e requisitos está dispoñible na web oficial premios.clustercomunicacion.gal. Como é habitual, as empresas e profesionais asociados ao Clúster da Comunicación de Galicia poden presentar os seus traballos de maneira gratuíta.

Apoios e alianzas sectoriais

Os XI Premios Paraugas son posibles grazas ao compromiso e ao apoio de diversas entidades e empresas que contribúen a poñer en valor o talento e traballo do sector en Galicia. Así, esta convocatoria conta co Concello de Ferrol e Galicia Calidade como aliados institucionais estratéxicos, aos que se suma a Autoridade Portuaria de Ferrol como entidade colaboradora.

A esta XI edición únense tamén, como patrocinadores colaboradores, firmas e institucións como Raiola, TAC!, Vandal, Estrella Galicia e Cesuga. De maneira especial, o certame volve contar co respaldo fundamental das principais asociacións sectoriais da comunidade: Markea, Creatividade Galega, Dircom Galicia e OPC Galicia.

Artículo anterior

maicca incorpora a Nacho Ansorena como consejero para reforzar su desarrollo de negocio

Siguiente artículo

MAD Artes Digitales vuelve a confiar en AVANTE para llevar ‘La Odisea’ al entorno digital