Os Premios Paraugas 2025 contarán cun xurado de referencia da comunicación e do márketing

O Clúster da Comunicación de Galicia celebra o 21 de novembro en Ferrol o 10º aniversario dos Paraugas


REDACCIÓN


O Clúster da Comunicación de Galicia acaba de anunciar o xurado que valorará as candidaturas finalistas dos X Premios Paraugas, que se entregarán o próximo 21 de novembro no Teatro Jofre de Ferrol.

A celebración deste décimo aniversario consolida os premios como o principal punto de encontro do sector galego da comunicación, o márketing, o deseño, a impresión, os eventos e a creatividade, un espazo que recoñece o talento e a capacidade de innovación das empresas e dos profesionais galegos.

O certame estrena un formato renovado, cunha estrutura de categorías máis sinxela e transversal

Nesta edición especial, o certame estrena un formato renovado, cunha estrutura de categorías máis sinxela e transversal que reflicte o novo contexto da industria e o equilibrio entre disciplinas.

Así pois, entregaranse dez galardóns e cinco premios especiais, ademais dos dous Premios Honoríficos, entre os que destacan o Premio Paraugas de Ouro; o Premio Galicia Calidade; o Premio ao Anunciante do Ano; o Premio Novos Talentos; e o Premio do Público, que se decidirá mediante votación cidadá.

Xurado profesional

O xurado da X edición estará presidido por Paz Comesaña, directora de Márketing de Bankinter, e contará con Chechu Pérez, profesor da Universidade de Vigo, como secretario. Completan o equipo avaliador Enrique Anta, director comercial de Impresionanta; Teresa Fandiño, directora e copropietaria de Nova de Congresos; Gonzalo Sanmartín, director técnico de LAU Creaciones; Brígida Nieto, directora de Márketing e Comunicación en Distribuciones Froiz; e Pablo Grandío, director de Quincemil e Treintayseis.

Entregaranse dez galardóns e cinco premios especiais, ademais dos dous Premios Honoríficos

Tamén formarán parte do xurado Marcos Escudeiro, director de Márketing en FINSA; Sabela Cidrás, directora estratéxica en El Nogal; María Lozano, asesora de publicidade na Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia; Virgilio Costas, socio director de Táctica Estrategia Comunicación; Carla Varela, directora creativa en Brava; Chuwi García, director de arte creativo e ilustrador independente; e Andrea Espiña, directora creativa e confundadora da axencia LaChary.

Premios Honoríficos

Nesta nova edición tamén se recoñecerán dúas traxectorias referenciais a través dos Premios Honoríficos. O Premio Honorífico de Comunicación outórgase a Santiago Rey Fernández-Latorre, histórico editor e presidente de La Voz de Galicia, pola súa contribución decisiva ao xornalismo galego e á modernización do sector.

Pola súa banda, Marisa Guitián Martínez, fundadora e directora da axencia Idea Creatividad y Comunicación, recibe o Premio Honorífico de Creatividade pola súa traxectoria pioneira e pola creación dun modelo empresarial que marcou un fito na publicidade galega.

Nesta nova edición tamén se recoñecerán dúas traxectorias referenciais a través dos Premios Honoríficos

Estes premios non serían posibles sen o apoio dos patrocinadores e dos colaboradores que axudan a visibilizar o gran talento do sector, como son a Xunta de Galicia, o Concello de Ferrol, Galicia Calidade, CESUGA, AVANT∑, PuntoGAL, TAC!, Raiola e Estrella Galicia. Os galardóns tamén contan co apoio de Atelier, Wise, Closet Comunicación, Miraveo, Servicios Gráficos, Creatividade Galega, Markea, Dircom Galicia e OPC Galicia.

Artículo anterior

Fairway cumple diez años con una edición llena de novedades

Siguiente artículo

Heidelberg acelera la automatización total de la preimpresión