Ollo presentará este xoves unha nova forma de mirar ao mundo

O acto de presentación do colectivo Ollo terá lugar este 15 de decembro no Vello Cárcere de Lugo ás 20:00 h, con acceso libre


REDACCIÓN


O colectivo Ollo celebrará a súa presentación pública no Vello Cárcere de Lugo o vindeiro 15 de decembro ás 20:00 h, sendo o acceso libre. No acto de presentación daranse a coñecer os proxectos nos que está inmerso actualmente este colectivo formado por fotoxornalistas, documentalistas, videógrafos, creadores visuais galegos e xestores culturais.

Ollo nace co obxectivo de comprender e explicar a sociedade actual a través de historias de carácter social, antropolóxico e sociolóxico desde unha perspectiva documental, onde se mostren experiencias e relatos de gran relevancia para a poboación.

Grandes figuras do fotoxornalismo galego

As figuras vinculadas ao fotoxornalismo que integran Ollo son Vanessa Casteleiro, Óscar Corral, Agostiño Iglesias, Brais Lorenzo, Óscar Pinal, Adra Pallón e Paula Quiroga. Completan o equipo Sara García e Daniel Lázare no referente ao apartado de xestión cultural e Sabela Eiriz colabora nas tarefas de edición e curadoría.

Brais Lorenzo é un dos fotoxornalistas que forman parte do colectivo Ollo. Imaxe: Brais Lorenzo

O fin principal do colectivo é xerar reflexión na poboación ante as diversas problemáticas sociais e medioambientais ás que se enfronta a actual sociedade a través da linguaxe da imaxe e da narrativa audiovisual. Para acadar este fin o proxecto colaborativo apóiase na creación de proxectos culturais, na oferta formativa e no desenvolvemento de proxectos editoriais e comerciais.

Ollo nace co obxectivo de comprender e explicar a sociedade actual a través de historias de carácter social, antropolóxico e sociolóxico

Entre algunhas das actividades xa desenvoltas por parte do colectivo destaca a súa colaboración coa prestixiosa revista 5W, na que publicaron Lumes, un traballo fotográfico froito de máis de quince anos de imaxes e experiencias arredor dunha das maiores problemáticas ambientais da sociedade galega: os incendios dos seus montes e bosques.

Artículo anterior
Feiraco

O Apalpador, na edición máis especial e solidaria de Feiraco

Siguiente artículo
diseño vino

El ecodiseño llega al mundo del vino