Ogilvy e as galegas Nasas e As Peaky Branders, en Beerfing

Beerfing

Beerfing terá lugar o vindeiro 26 de xaneiro e abordará as tendencias actuais do sector


MARÍA EIMIL


O director creativo de Ogilvy Madrid, Chus Rasines, será o encargado da ponencia estrela da quinta edición de Beerfing Encontros de Creatividade e Cervexa, que terá lugar o vindeiro xoves, 26 de xaneiro, na Sala Sónar, en Santiago de Compostela. Creatividade Galega e o Cluster da Comunicación de Galicia organizan este evento, que conta co patrocinio de Estrella Galicia.

Deste xeito, Rasines compartirá a súa experiencia no mundo da publicidade na nova edición de Beerfing no que leva máis de vinte anos traballando da man de clientes como a DGT, ING, BMW, Mini, Decathlon ou a ONCE. Ademais, a súa labor foi recoñecida nos festivais de publicidade máis importantes, entre eles Cannes One Show ou New York Festivals, entre outros.

O director creativo de Ogilvy será o encargado da ponencia estrela

As tendencias a seguir de preto, na nova edición de Beerfing

Cada edición do Beerfing arranca cun workshop, que nesta ocasión estará adicado á análise de tendencias da man da consultora C4E-The Inspiration Company, especializada neste ámbito, que adiantará os temas que as empresas do sector do márketing e da comunicación deben seguir de preto para anticipar as súas decisións e adaptar as estratexias ó novo marco económico-social. Entre a ducia de tendencias que se abordarán atópase a relación entre as relacións humanas e a tecnoloxía, as solucións para a sustentabilidade ou a sociedade hipersaudable, entre outras.

Tendencias

Novas promesas e campañas de éxito

Ademais das tendencias e da ponencia estrela do director creativo de Ogilvy, Beerfing acollerá dous monólogos de tres minutos que correrán a cargo de novas promesas do sector. Eles serán os encargados de expoñer ante profesionais de primeira liña a súa visión, idea ou proxecto.

No marco de Beerfing celebraranse dous relatorios de 15 minutos onde as axencias galegas presentarán os seus casos de éxito facéndonos partícipes de todo o proceso. Neste espazo, a directora de proxectos da axencia Nasas, Fátima Carmena, dará unha charla sobre a campaña Versos na Rúa, que realizaron en 2022 para Gadis; mentres que As Peaky Branders, Iria Otero e Marián Rodríguez, explicarán a acción A única química posible, promovida pola Deputación da Coruña contra a submisión química.

As axencias Nasas e As Peaky Branders explicarán campañas de éxito

Inscrición gratuíta para socios do Cluster

Os socios do Cluster da Comunicación de Galicia poden acceder a Beerfing de xeito gratuíto, aínda que é necesario inscribirse previamente antes deste mércores, 25 de xaneiro ás 19:00 h. O programa completo está dispoñible na páxina web do evento.

Artículo anterior

San Publicito ya tiene fecha para bendecir el 2023

Siguiente artículo

La gestión documental, campo de innovación para Canon