O conselleiro de Educación participou na inauguración de ‘Galicia, Procesos e Formas. Un percorrido gráfico’ na Fundación DIDAC
REDACCIÓN
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou en Santiago de Compostela o papel do deseño como ferramenta para a transformación social e económica de Galicia. Durante a súa intervención na apertura da exposición Galicia, Procesos e Formas. Un percorrido gráfico, subliñou o respaldo ao sector realizado pola Xunta de Galicia a través do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – DIFERENZA, promovido pola Axencia Galega de Innovación.
Esta mostra, que permanecerá aberta ao público ata o 31 de outubro na Fundación DIDAC en Santiago de Compostela, é unha escolma do material da exposición coa que Galicia representou a España como país invitado na Porto Design Biennale no 2023, co comisariado de David Barro. Nela trázase un percorrido por diversos referentes actuais e históricos do deseño galego a través de obxectos, exemplos de gráfica aplicada, materiais, produtos innovadores e documentos inéditos.
Tamén no marco do programa DIFERENZA, este outono desenvolverase un ciclo de talleres e charlas nas escolas de deseño galegas
O titular de Educación afirmou durante a inauguración que o deseño vai moito máis alá da estética, grazas a unha capacidade inequívoca de xerar funcionalidade, utilidade e identidade que se transforma en innovación, competitividade económica e benestar social. Neste contexto situou o traballo dos grandes expoñentes que compoñen esta mostra, na que se fai un percorrido dende referentes históricos como Luis Seoane, Isaac Díaz Pardo ou Urbano Lugrís ata talentos actuais como Francisco Leiro, Álvaro Valiño ou as Yarza Twins.
As pezas expostas tamén son un relevante testemuño da visión das empresas galegas pioneiras na incorporación do deseño, como Conservas Masso ou Laboratorios Bescansa.
A exposición pode visitarse na Fundación DIDAC (rúa Pérez de Constanti, 12) de martes a venres (de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 h) ou sábado previa cita.
Difusión do deseño galego
Román Rodríguez emprazou aos axentes do ecosistema do deseño galego á xornada que organiza a Axencia Galega de Innovación o vindeiro 26 de setembro en Santiago para compartir coñecemento sobre as aplicacións prácticas do deseño a través de exposición de varios casos de éxito.
Tamén no marco do programa DIFERENZA, entre outras actividades, este outono desenvolverase un ciclo de talleres e charlas nas escolas de deseño galegas para fomentar a súa conexión co tecido empresarial, co emprego e co emprendemento.
Ademais, o titular de Educación destacou a invitación recibida por Galicia para participar na XV Bienal de La Habana e anunciou o apoio que desde a Xunta se lle vai prestar á Asociación Galega de Deseño (DAG) para representar a Galicia en dúas citas moi relevantes do sector a nivel estatal e europeo: o XII Encuentro Nacional de Diseño (ENAD) e a France Design Week.