O talento en deseño e innovación ten premio en Galicia

Foto: Manuel G. Vicente

Os III Premios Galicia de Innovación e Deseño entregáronse durante unha gala en Santiago de Compostela


REDACCIÓN


Máis dun cento de persoas reuníronse este martes, 20 de decembro, en Santiago de Compostela na gala de entrega dos III Premios Galicia de Innovación e Deseño, promovidos pola Axencia Galega de Innovación. Estes galardóns son un recoñecemento ao talento galego e un impulso á cultura innovadora e do deseño. Cada un deles conta cunha dotación económica de 15.000 euros, agás dous, que son premios honoríficos.

Durante a entrega destes recoñecementos, que se enmarcan no Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade- DIFERENZA, o vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Francisco Conde, apuntou que esta iniciativa axuda a reivindicar o ben que o sabe facer Galicia, ao tempo que inspira novas ideas no tecido empresarial.

Os Premios Galicia de Innovación e Deseño reivindican o traballo feito en Galicia e inspiran novas ideas

A Compañía Española de Algas Marinas, Ceamsa (O Porriño); Alén Space (Nigrán); e a biotecnóloga pontevedresa Catalina Fernández de Ana, resultaron premiados na categoría Innovación; mentres que na categoría de deseño foron recoñecidos Isaac Piñeiro, Sara Regal e a compañía Unvi Carroceros.

Os máis innovadores

Alén Space foi a gañadora na categoría de pemes innovadoras. Nacida como spin-off da Universidade de Vigo, a empresa desenvolve e fabrica pequenos satélites que lles permiten aos seus clientes acceder a datos ou comunicacións que ata o de agora só estaban ao alcance de gobernos e grandes axencias espaciais, grazas a uns custos que poden ser ata 100 veces menores que os dos satélites convencionais.

Entrega do premio a Alén Space | Foto: Manuel G. Vicente

Ademais, Catalina Fernández de Ana obtivo un galardón pola súa traxectoria innovadora. Ela é confundadora, copropietaria e mais directora xeral de Hifas da Terra, que naceu en 1998 como spin-off da Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente está implicada en diversos proxectos de I+D centrados na investigación da micoloxía adaptada a distintos campos da saúde (humana e animal) e do medio ambiente e a súa empresa posúe unha das maiores reservas privadas de fungos de Europa.

Entrega do premio á biotecnóloga pontevedresa Catalina Fernández de Ana | Foto: Manuel G. Vicente

Ceamsa resultou gañadora na categoría de grandes empresas innovadoras, un recoñecemento honorífico. Radicada en O Porriño, a Compañía Española de Algas conta cunha ampla experiencia, iniciada en 1966, na producción, elaboración e comercialización a nivel mundial de hidrocoloides e fibras naturais. A empresa conta con máis de 300 clientes de todo o mundo e xa se posicionou a nivel internacional como partner de referencia en sectores de alto crecemento como o vegano ou os novos fermentados.

Os mellores en deseño

Isaac Piñeiro fíxose cun galardón na categoría de profesionais do deseño. O cofundador do colectivo Nadadora creou en 2017 Isaac Piñeiro Design Studio e dende ese ano exerce como director creativo da marca galega A-Emotional Light. O seu traballo ten unha estreita relación coa artesanía e neste tempo realizou máis de 50 proxectos nos que predomina a súa relación co fabricante de mobiliario Sancal, para a que deseñou seis coleccións con máis de 40.000 pezas vendidas.

Isaac Piñeiro foi premiado na categoría profesionais do deseño |Foto: Manuel G. Vicente

Na categoría de talento emerxente foi elixida Sara Regal, especializada na investigación material e nas prácticas sostibles aplicadas a obxectos e espazos. Segundo a súa visión, “hai que entender a reciclaxe como parte do deseño”. Na actualidade é creativa independente e as súas pezas e deseños foron expostos na New York Design Week, no Salone do Mobile e na Vitra House, entre outros.

Sara Regal recolleu o premio na categoría de talento emerxente | Foto: Manuel G. Vicente

A empresa Unvi Carroceros, do Grupo Pérez Rumbao, foi recoñecida na categoría de empresas, de carácter honorífico, cunha incorporación destacada do deseño na súa estratexia de negocio: o novo modelo de carrocería de bus urbano Unvi C21. Os autobuses desta empresa caracterízanse por un peso reducido a través de carrocerías lixeiras, aerodinámicas e moi resistentes, co consecuente aforro de combustible.

O Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – Diferenza é un programa da Xunta de Galicia promovido a través da Axencia Galega de Innovación.

Artículo anterior

La digitalización, el gran reto para los departamentos de marketing

Siguiente artículo
Lotería de Navidad

Así se diseñan e imprimen los décimos del Sorteo de Navidad