As conversas do programa DIFERENZA pretenden proxectar o potencial do deseño
MARÍA EIMIL
Dar a coñecer o talento e fortalecer a rede internacional de profesionais do deseño galego é o obxectivo do programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024- DIFERENZA. Esta iniciativa pretende proxectar o potencial do deseño como motor empresarial dando voz aos seus novos protagonistas, o que permitirá abordar diferentes temáticas e vías de desenvolvemento para o deseño. As conversas comezarán este martes 31 de maio ás 11:00 horas e o formulario de inscrición está dispoñible na web da Axencia Galega de Innovación (GAIN).
A primeira conversa correrá a cargo das deseñadoras Yarza Twins e do profesional galego Damián Calvo. As irmáns Eva e Marta Yarza desenvolven proxectos de tipografía, 3D, animación, deseño editorial e de marca, desenvolvemento web e ilustración para Adidas, MTV ou Converse, entre outras.
Ademais delas, na primeira conversa do programa DIFERENZA estará Damián Calvo, tamén galardoado na categoría Talento Emerxente dos Premios Galicia de Innovación e Deseño. Graduado en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento de Produto pola Universidade da Coruña, Calvo foi membro do equipo de deseño de produto de Samsung Design Europe en Londres.
A primeira cita con deseñadores emerxentes
Esta conversa será a primeira das citas do programa e será retransmitida en streaming. A idea é abrir unha ventá ás tendencias máis efervescentes a nivel global en diversas especialidades do deseño, da man de deseñadores novos con gran proxección internacional.
O ciclo de conversas é unha iniciativa desenvolvida no marco da creación da Rede internacional de profesionais do deseño galego, un dos eixes do Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – DIFERENZA.