O programa Alento pecha con éxito a súa primeira edición cun evento na Coruña

Alento axudou a 27 iniciativas emprendedoras a acceder aos servizos ofertados por membros do Clúster da Comunicación de Galicia de forma gratuíta


REDACCIÓN


O Clúster da Comunicación de Galicia clausurou o luns 28 de outubro na Coruña a primeira edición do programa “Alento: impulso á comunicación para emprender”, froito do acordo entre a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o propio Clúster, que axudou a 27 iniciativas emprendedoras a acceder aos servizos ofertados por membros do Clúster de forma gratuíta. 

No acto, celebrado no Bunker Miraveo e presentado por Carme D. Prol, diversos profesionais do sector da comunicación compartiron ideas creativas e innovadoras que empregaron para promocionar os seus proxectos, así como técnicas de márketing efectivo e experiencias, erros e aprendizaxes en materia de comunicación nos inicios das súas andaduras empresariais. 

Na xornada, catro participantes do programa Alento falaron do seu paso polo programa e da súa proposta de valor no mercado

A xornada comezou cunha charla entre Fátima Carmena, directora de Nasas; Javier Varela, consultor de márketing e director de proxectos en Javier Varela Marketing; e Aïnhoa Mallo, directora global e de cultura corporativa de Demadi, na mesa “Estratexias de comunicación que conquistaron”.

Pola súa banda, na mesa “Errores de comunicación como principiante”, Ariana Fernández, CEO da Start Up LP10 e presidenta da Asociación de Cosmética de Galicia; Jairo Aldana, director xeral de Miraveo; e Aída Cordero, directora e fundadora de Attesor, reflexionaron sobre os seus primeiros pasos á hora de comunicar sobre as súas empresas e darlles visibilidade no mercado. 

Ademais, catro participantes do programa Alento falaron do seu paso polo programa e da súa proposta de valor no mercado: Agustina Pereira (Sisubvenciones), Alejandro Cortizas (Alfacor), Adriana Otero (Rusán Mobiliario) e Juan Pablo Ferreiros (Cervexas Píntegaa).

Asemade, o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e o presidente do Clúster da Comunicación de Galicia, Alberto Garnil, reflexionaron sobre os exitosos resultados deste programa. O secretario xeral sinalou que os proxectos participantes foron seleccionados de xeito preferente entre os atendidos na Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, que conta xa con 14 oficinas en toda Galicia, nas que se ofrece ás persoas emprendedoras un espazo onde recibir asesoramento técnico e a oportunidade de entrar en contacto con outros novos empresarios para, entre todos, facer medrar o tecido produtivo galego.

Servizos de Alento

Cun orzamento de 120.000 euros, o programa facilitou que diferentes empresas vencelladas ao Clúster da Comunicación de Galicia ofreceran asesoramento sobre deseño de imaxe corporativa e deseño e desenvolvemento de web e ecommerce, definición da estratexia e accións de márketing dixital, desenvolvemento de gráficas publicitarias, investigación de mercados, accións relacionadas coa estratexia de comunicación para pemes, de vídeo marketing e tamén produtos de impresión publicitaria.

A finalidade foi capacitar á comunidade emprendedora para conseguir unha oferta diferenciada e rendible, axudándolles na procura de novas canles de comercialización, novos públicos obxectivo, melloras no valor percibido dos produtos e servizos e promoción en xeral.  

Alento está impulsado polo Clúster da Comunicación de Galicia e a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, integrado no programa anual de actividades do Centro de Orientación de Emprendemento, Acompañamento e Innovación para o Emprego de Galicia, no marco do proxecto de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGeneration UE.

Artículo anterior

Galicia, Procesos e Formas. Un percorrido gráfico, ata o 31 de outubro na Fundación DIDAC

Siguiente artículo

Marineda City triunfa entre la generación Z con el túnel del terror más viral