
O certame, impulsado por Galicia Fórum Gastronómico, celebrará a súa gala en Vigo o 26 de maio co obxectivo de impulsar o talento emerxente
REDACCIÓN
O Premio Cociñeiro Galego, impulsado por Galicia Fórum Gastronómico desde 2014, chega este ano cunha importante novidade: pasa a ter carácter anual en lugar de bienal, co obxectivo de reforzar o seu papel como escaparate do talento emerxente e como indicador da evolución da cociña galega.
Así o explicou a directora do evento, Ana Trevisani, quen sinalou que este cambio busca consolidar o certame como unha ferramenta para visibilizar novos profesionais da gastronomía galega, aínda que seguirá formando parte do programa do Fórum Gastronómico nas edicións nas que coincida coa súa celebración.
Nesta nova etapa independente, a gala do Premio Cociñeiro Galego 2026 celebrarase na cidade de Vigo o próximo 26 de maio, no Auditorio Mar de Vigo
Nesta nova etapa independente, a gala do Premio Cociñeiro Galego 2026 celebrarase na cidade de Vigo o próximo 26 de maio, no Auditorio Mar de Vigo, onde os finalistas deberán elaborar en directo un prato representativo da súa proposta gastronómica.
O éxito de participación, ratificado nos máis de 2000 votos rexistrados nos tres primeiros días de votación para elixir ao Cociñeiro Galego 2026, pón de manifesto “o enorme interese que esperta a gastronomía na nosa comunidade e, sobre todo, o recoñecemento ao talento dos nosos chefs”, sinalou Trevisani.
Cinco finalistas que representan a nova cociña galega
Tras a selección realizada por un xurado profesional, os cinco finalistas desta edición son Mar Lago e Álex Martínez (Bacelo, Ferrol); Antón Castro (Casa Gaibor, Guitiriz); Andrés Torreiro (D’Obra, Melide); Marcos S. Area (é restaurante, Marín) e Antonio Novas “Tonivas” (Trasmallo, Pontevedra).
O xurado destacou que todos eles representan “o dinamismo que caracteriza a cociña galega actual, marcada polo respecto ao produto e unha estreita conexión co territorio”.
Os perfís seleccionados responden ao espírito do premio, que busca dar visibilidade a cociñeiros e cociñeiras con menos de tres anos de traxectoria
Os perfís seleccionados responden ao espírito do premio, que busca dar visibilidade a cociñeiros e cociñeiras con menos de tres anos de traxectoria ou sen grandes recoñecementos previos, apostando por unha cociña sostible e baseada no produto local.
Votación popular
Como en edicións anteriores, o gañador será elixido mediante un sistema mixto que combinará a valoración dun xurado profesional co voto do público, que terá o mesmo peso na decisión final.
As votacións populares permanecerán activas ata o 17 de maio a través da web oficial. O nome do gañador darase a coñecer na gala do 26 de maio en Vigo.
Perfís dos finalistas
Entre os candidatos destaca o proxecto de Marcos S. Area, que dirixe un restaurante de cociña efémera baseado no produto local e na reinterpretación contemporánea da tradición galega, nun espazo construído sobre a antiga casa familiar dos seus bisavós en Marín.
En Ferrol, Mar Lago e Álex Martínez lideran Bacelo, unha proposta de cociña tradicional actualizada para compartir, con forte presenza de produto de proximidade e cartas cambiantes segundo o mercado.
Entre os candidatos destaca o proxecto de Marcos S. Area, que dirixe un restaurante de cociña efémera baseado no produto local
Pola súa banda, Andrés Torreiro, en Melide, desenvolve en D’Obra unha cociña galega contemporánea influenciada pola súa experiencia en restaurantes de referencia internacional, como Culler de Pau ou Mugaritz, reinterpretando o receitario tradicional.
Desde Guitiriz, Antón Castro recupera e moderniza o legado familiar de Casa Gaibor, mantendo a esencia da cociña clásica galega con especial protagonismo dos produtos do mar e do territorio.
Finalmente, en Pontevedra, Antonio Novas “Tonivas” rende homenaxe á súa orixe mariñeira en Trasmallo cunha cociña centrada no peixe de baixo valor comercial e nos sabores tradicionais reinterpretados con visión contemporánea.
Un premio consolidado no panorama gastronómico galego
O Premio Cociñeiro Galego conta co apoio de entidades como a Deputación da Coruña, a través de ‘A paisaxe que sabe’, e co patrocinio de Gadis e Sammic.
En edicións anteriores foron distinguidos cociñeiros como Diego López, Gorka Rodríguez, Jorge Gago, Alén Tarrío, Moncho Méndez, Begoña Vázquez e Víctor Basante, consolidando o certame como unha das principais plataformas de impulso ao talento gastronómico emerxente en Galicia.