‘O Noso Canto’ é un diálogo musical que xorde ao fusionar dúas pezas interpretadas por distintas xeracións de artistas
REDACCIÓN
Máis de 30 artistas galegas póñenlle voz á igualdade de xénero na campaña institucional do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. Baixo o lema ‘O Noso Canto: todas xuntas resoamos máis forte’, créase un proxecto cultural único no que se reúnen máis de 30 artistas galegas e un equipo de produción composto na súa totalidade por mulleres para dar visibilidade á forza interxeracional do feminismo a través dun único sentir: a igualdade de xénero real e efectiva. Así, esta campaña da Xunta emprega a música como ferramenta para transmitir a importancia da unión de todas as mulleres para seguir avanzando cara a unha sociedade cada vez máis igualitaria.
A obra ‘O Noso Canto’, composta por Belém Tajes, é un diálogo musical orixinal que xorde de dúas pezas, ‘Aperta’ e ‘Latexo’, que baixo diversos estilos e interpretadas por distintas xeracións fusiónanse para transmitir unha mensaxe clara: “Todas xuntas resoamos máis forte”, creando así unha canción colectiva que supón un proxecto cultural sen precedentes.
Un único sentir
‘Latexo’ está protagonizada por artistas emerxentes e sons de pop experimental, coas voces principais de Yoly Saa e Sabela Ramil, e na que participan de forma coral Nastashia Zürcher, Catuxa Salom, Carolina Rubirosa, Leticia Rey, Icía Varela, Sara Nebra, Claudia Abril, Ana Moas, Sara Gimeno. A elas súmanse as voces brancas de Amelia, Aitana, Aroa, Celtia, Grecia e María. Belém Tajes, a creadora da composición, tamén participa nos sintetizadores e recitado inicial.
‘O Noso Canto’ nace co obxectivo de converterse nun símbolo da unión interxeracional do feminismo
Pola súa banda, ‘Aperta’ conta coas voces consolidadas de Rosa Cedrón, Uxía Senlle e Lucía Pérez, e os sons de pop folk que achegan Caamaño&Ameixeiras (acordeón e violín), Bea Martínez (arpa céltica); Anaïs Barbier, María Jorge do grupo Caldo (pandeireta e violín); e catro das integrantes de Adufeiras de Salitre (Bea Mariño, Carolina Vázquez, Iria López e María Pardo).
O proxecto conta coa colaboración especial de Genara Méndez, unha das cantareiras de referencia da cultura tradicional galega, en representación de todas as mulleres que serán homenaxeadas o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas. Ademais, colaboran no proxecto Road Ramos (produtora musical), Salomé Limón (enxeñeira de son e masterización), Ana Díez e Sara García (axudantes de produción) e o estudo de gravación A Ponte.
‘O Noso Canto’ nace co obxectivo de converterse nun símbolo da unión interxeracional do feminismo que se pode escoitar ao completo en todas as plataformas a partir do 8 de marzo. Antes difundiuse un adianto en redes sociais (@igualdadegalicia) e na web onosocanto.gal, onde tamén están dispoñibles ‘Latexo’ e ‘Aperta’, as dúas pezas que ao fusionarse conforman esta canción colectiva creada integramente por mulleres para toda a sociedade galega.