“O mesmo mar fai cada día unha distinta praia”: frase gañadora do concurso de Pereira Productos del Mar

Ruy Andrade, director de comunicación de Pereira Productos del Mar; a escritora Yolanda Castaño e José Enrique Pereira, conselleiro delegado das empresas do Grupo Pereira.

“O mesmo mar fai cada día unha distinta praia” é a frase elixida este ano para ilustrar o valo que Pereira Productos del Mar ten nas súas instalacións da Avenida de Beiramar en Vigo. A poeta e filla de mariño mercante, Yolanda Castaño, é a autora desta mensaxe. Pereira seleccionou tres frases da escritora relacionadas co mar e convocou un concurso nas súas redes sociais para que os seguidores elixisen a que máis lles gustaba. “Faremos coma o calamar: sacaremos moitos brazos e, en tempos escuros, haberemos brillar” e “Escritoras e calamares: susténtanse na pluma e empregan a tinta con talento” foron as outras dúas frases que competiron coa gañadora.

“Esta fermosísima frase vai ser a protagonista do noso valo durante o vindeiro ano. Estabamos desexando presentar o novo deseño nun ano no que esperamos recuperar a tan ansiada normalidade. Con esta iniciativa, que levamos realizando dende case unha década, queremos pór en valor a importancia da literatura galega, tan nosa e tan importante no desenvolvemento da nosa cultura e da nosa sociedade”, explica Ruy Andrade, director de comunicación da firma.

Yolanda Castaño escribiu tres frases e os seguidores de Pereira nas redes sociais votaron pola que máis lles gustaba

“Queremos agradecer a Yolanda Castaño que quixera sumarse á familia de escritores galegos que durante os últimos anos participaron no noso valo como é o caso de Ledicia Costas e Domingo Villar”, engade Ruy Andrade.

O acto de presentación do valo tivo lugar o luns 28 de xuño a bordo do barco da Armadora Pereira “Argos Pereira” dende o que se podía ler a frase e o deseño do valo deste ano, mentres Yolanda Castaño lía aos asistentes un dos seus últimos poemas. O acto contou tamén cos gañadores do concurso activado nas redes sociais para seleccionar a frase, así como co responsable da empresa.

Dez anos de poesía

“O mesmo mar fai cada día unha distinta praia” toma o relevo a “Podo temer a morte, pero non quero ter medo a estar vivo” (2020) do libro “O último barco” do escritor vigués Domingo Villar e “O tempo, o sol e o mar engurraran o rostro do mariñeiro e cuartearan a súa pel como terra seca” (2019) da obra “A praia dos afogados” tamén do escritor vigués.

Un referente

Yolanda Castaño é poeta, filóloga, tradutora, videocreadora e unha activa e premiada xestora cultural coa súa propia Residencia para Escritores na Coruña. Dende 2009 dirixe obradoiros literarios, obradoiros internacionais de tradución poética, festivais e ciclos mensuais de poesía sempre con autores galegos e internacionais.

Artículo anterior
persoal sociosanitario

“Grazas, persoal sociosanitario”, campaña de Quattro idcp para la Xunta de Galicia

Siguiente artículo
Executivas de Galicia 10º aniversario

Executivas de Galicia celebra su 10º aniversario como referente en el ámbito de la igualdad de oportunidades