O Galicia Design Weekend acolleu máis dunha vintena de actividades con profesionais do deseño

O evento esgotou todas as entradas presenciais

O Galicia Design Weekend, festival de deseño pioneiro na comunidade, acolleu na Coruña máis dunha vintena de actividades con proxeccións, exposicións, charlas e relatorios impartidos por profesionais de referencia do sector chegados de toda Galicia e de cidades como Madrid, Barcelona, Bilbao, Valencia ou Amsterdam. Todas as entradas físicas esgotáronse, pero a programación puido seguirse tamén en formato online.

Dentro do GDW Pro, o público gozou dun amplo programa no auditorio da Fundación Barrié. O primeiro día, o 30 de xullo, a arquitecta Joana Covelo, do estudo Castroferro de Vigo, abriu a primeira xornada ás 10:00 horas. Despois, a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, presentou o programa DIFERENZA 2024, e despois chegou a quenda do estudo de deseño e comunicación Cenlitrosmetrocadrado, de Compostela. Pecharon a mañá o estudo coruñés FrutoDS, dedicado ao deseño de produto, e a deseñadora industrial viguesa Amalia Puga.

Xa pola tarde da primeira xornada, proxectouse o documental Rams sobre Dieter Rams, un dos deseñadores vivos máis influíntes. Fuertes Penedo, arquitectos da Coruña e Vigo, tiveron a súa quenda a continuación, e xusto despois deu comezo a conversa “Ensinar deseño”, moderada por Lola Dopico (ESDEMGA), con Nico Cevallos (Acid House) e Ana Gea (Revista Gràffica).

Segunda xornada

O sábado 31 de xullo, a intro correu a cargo do deseñador coruñés David Silvosa, de Costa. Posteriormente, foi a quenda da fotógrafa bilbaína Nerea Garro. Continuaron os madrileños Ben Castro, director de arte de Nike en Ámsterdam, e Coco Dávez, directora de arte e ilustradora. E pechou a mañá a deseñadora dixital pontevedresa Marta Verde.

Xa na tarde do sábado proxectouse o documental #GDWdocs seleccionado pola DAG, na sala Objectified. Ao remate da proxección chegou a quenda de Folch Studio, axencia de branding e audiovisual de Barcelona. Ás 18:30 horas comezou a conversa O Valor do Deseño”, moderada por Dani Bembibre, do estudo coruñés Costa, con María Ramos, tipógrafa e xerente da DAG, e Chechu Pérez, da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia.

Profesionais de prestixio galegos e internacionais participaron na iniciativa

Galicia Design

Tres eixes

Ademais das charlas, das conferencias e das proxeccións do Pro, o festival tivo outros tres eixes: un deles foi o showcase, con dúas exposicións dedicadas ao deseño que estarán ata o 29 de agosto na Fundación Barrié (#omellordeseñodoano) e nos Cantóns (#novodeseñogalego, con iluminación do novo estudio coruñés Kora).

Pola súa banda, o showroom foi un escaparate dixital de creacións e espazos de deseño galegos na web do festival. E no Creative Camp, estudantes e mozas e mozos profesionais do deseño puideron amosar o seu traballo a profesionais do sector nun portfolio review online.

Consello asesor

O festival contou cun consello asesor formado por profesionais de referencia de Galicia e estivo organizado pola axencia Follow e polo Clúster da Comunicación de Galicia, coa Asociación Galega de Deseño (DAG) como socia. As institucións patrocinadoras foron a Xunta de Galicia, a través do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021-2022 e da colaboración da Axencia Galega de Innovación (Gain), o Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña e a Deputación da Coruña. Tamén colaboraron co festival a Fundación Barrié, a Fundación Luis Seoane, a Fundación DIDAC, Studio Follow, o FAD, DICE, Verde e Miraveo.

Galicia Design Week 2022

Este Galicia Design Weekend marcou o camiño cara ao primeiro gran festival do deseño de Galicia, o Galicia Design Week, que terá lugar en xuño de 2022 e que se incluirá no circuito de citas internacionais de cidades como Barcelona, Londres ou México.

Artículo anterior
DeseñaPeme

DeseñaPeme: as primeiras axudas para impulsar o deseño estratéxico nas pemes galegas

Siguiente artículo
Túnel do Viño

Atelier Gráfica Visual deseña a imaxe corporativa do Túnel do Viño de Valdeorras