Un equipo de estudantes e egresados en Comunicación Audiovisual, Publicidade, Belas Artes, Telecomunicación e Informática deu forma ao videoxogo ‘Retorno Arnoia’
REDACCIÓN
A Cidade da Cultura acolleu este 14 de xullo a presentación do prototipo de videoxogo ‘Retorno Arnoia’, resultado do traballo realizado polo alumnado da Universidade de Vigo (UVigo) na primeira residencia artística enfocada á creación dixital impulsada de maneira conxunta pola Xunta de Galicia e a institución viguesa. A directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, subliñou a experiencia como pioneira no marco das accións que o Gaiás está a desenvolver para apoiar a creación artística e cultural en Galicia.
Trátase da primeira residencia que integrou perfís diversos, desde o artístico ao tecnolóxico, nun equipo que traballou ao unísono para dar forma a un proxecto cultural tan innovador e esixente como é un videoxogo.
O videoxogo ‘Retorno Arnoia’ emprega mecánicas similares a clásicos do xénero das plataformas como o Super Mario
O alumnado participante son egresados en Comunicación Audiovisual, Publicidade, Belas Artes, Telecomunicación e Informática. Este equipo dedicou horas a deseñar, debuxar, animar, programar e sobre todo comprobar e descartar erros nunha estadía intensiva que durou pouco máis de catro fins de semana, pero que lles valeu para mellorar as súas competencias e experimentar de cheo todas as fases de desenvolvemento do xogo.
Un plataformas inspirado nun clásico de Xosé Luis Méndez Ferrín
O froito deste traballo é un videoxogo de plataformas inspirado nun clásico da literatura xuvenil galega, Arnoia, Arnoia, do escritor ourensán Xosé Luís Méndez Ferrín. Nel, o protagonista ten que superar diferentes obstáculos e inimigos en cada nivel, empregando mecánicas similares a clásicos do xénero como o Super Mario.
Do mesmo xeito que o protagonista da novela, Nmógadah, é apresado pola tribo mineira dos Grou e obrigado a cavar para atopar a Trabe de Ouro dos Profundos, o protagonista do videoxogo debe buscar o seu propio camiño no interior dunha mina.
Nesta viaxe, na que agardan tesouros e perigos, o xogador vai descubrindo en paralelo as motivacións do protagonista. Escoller entre ir cara arriba ou cara abaixo influirá igualmente na historia que coñecerá durante a súa experiencia de xogo.
Unha valiosa colaboración para a creación de contidos dixitais
Máis aló do resultado final, os nove alumnos participantes na residencia COMTECART no Gaiás valoraron especialmente a aprendizaxe en común, a posibilidade de coñecer as dinámicas reais coas que se traballa na industria e a exploración das posibilidades que o sector, un dos máis relevantes dentro das industrias culturais e creativas.
Apoiar o talento e dar visibilidade á creación contemporánea son os dous piares dun programa de residencias artísticas que medra en alcance e ambición
Para a Xunta de Galicia, esta primeira colaboración coa Universidade de Vigo no ámbito das artes dixitais e os videoxogos, que impulsou o anterior vicerreitor do Campus Universitario de Pontevedra, Jorge Soto, veu ampliar a liña de traballo iniciada xa en 2021 para consolidar o Gaiás como rótula do ecosistema cultural galego.
Apoiar o talento e dar visibilidade á creación contemporánea son os dous piares dun programa de residencias artísticas que medra en alcance e ambición, con ao redor de 25 proxectos apoiados en 2022. Precisamente, recordou a directora-xerente da Cidade da Cultura, ata o 8 de agosto está aberto o prazo para participar na convocatoria destas residencias para a segunda metade do ano.