A Cidade da Cultura organiza unha tarde de Entroido familiar cun concerto de Brais das Hortas e un baile de disfraces
ROCÍO MOARES
A Cidade da Cultura de Galicia celebra a súa tradicional festa de Entroido cunha divertida tarde familiar. A música de Brais das Hortas e un gran baile de disfraces, con DJ e temática relacionada coa horta, serán os protagonistas.
Así, o Entroido na horta celebrarase esta tarde no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia dende as 16.30 h ás 20.00 horas. O programa festivo comeza con música a cargo dun DJ para ir quentando motores e dar paso ás 17.30 h ao concerto cheo de humor de Brais das Hortas. Deste xeito, ás 18.30 h será o momento para dar boa conta do enxeño dos participantes que queiran amosar os seus disfraces nun desfile no que non faltarán os premios á orixinalidade. E xa ás 19.00 retomarase o baile, acompañado de animación, para seguir gozando ata o fin de festa.
Acorde co espectáculo central da xornada, a temática do baile deste ano céntrase nas cousas da horta, polo que o Gaiás encherase de verzas, patacas, leitugas e todo aquilo relacionado con este eido. As entradas, á venda no Museo Centro Gaiás ou en Ataquilla.com, custan tres euros (máis gastos de xestión).
Este luns de Entroido a Cidade da Cultura énchese de troula con música, baile, animación e ata un concurso de disfraces
Consertasso na horta
Pola súa banda, Brais das Hortas traerá á Cidade da Cultura letras e música con moito humor para facer cantar e bailar aos asistentes con temas e estilos moi variados. O Consertasso na horta está composto por un repertorio definido como un ecosistema musical saudable co que ninguén poderá parar quieto.
Brais das Hortas foi finalista dos Premios Martín Códax da Música no 2023. É músico, narrador oral e clown. Como músico toca en Blues do País e Sacha na Horta, e colaborou en numerosos proxectos como Ataque Escampe. Como clown e músico participa en dous espectáculos con Peter Punk Pallaso. Na faceta de narrador oral leva máis dunha década na Tropa de Trapo con Marta Ortiz.