Untold Stories xa recibiu máis de 35.000 visitantes e estará na Coruña ata o vindeiro 28 de febreiro
MARÍA EIMIL
Máis de 35.000 persoas visitaron a mostra Untold Stories de Peter Lindbergh, un dos fotógrafos contemporáneos máis influentes. A exposición atópase na Coruña dende o pasado 4 de decembro e pechará as portas o vindeiro 28 de febreiro. Ata esa data, coruñeses e visitantes poderán desfrutar das fotografías de Lindbergh.
Finado no ano 2019, Peter Lindbergh dedicou dous anos a seleccionar un total de 161 imaxes e algunhas delas pódense ver nesta mostra que chegou a Galicia da man da que se converterá proximamente na presidenta do grupo Inditex, Marta Ortega. O papel da filla do fundador da multinacional téxtil, admiradora e amiga persoal de Lindbergh, foi vital á hora de traer Untold Stories á cidade da Coruña, unha mostra que se desenvolve en colaboración coa Lindbergh Foundation, unha institución que dirixe o fillo do fotógrafo, Benjamin Lindbergh.
A mostra chegou a Galicia da man de Marta Ortega
Untold Stories na Coruña
“Cando Peter visitou A Coruña en 2018 sentiu de súpeto unha conexión entre o porto da cidade e a súa propia estética. O clima lúgubre de Galicia e a axitación do mar, xunto ca omnipresente paisaxe industrial de fondo, evocan á perfección a rexión xermana do Ruhr, onde creceu meu pai”, sinalou Benjamin.
A exposición ocupa un edificio industrial que se atopa na zona portuaria da Coruña e que é obra da arquitecta Elsa Urquijo. Xunto a el atópase un vello silo de cemento que foi reconvertido e onde se atopan a tenda de souvenirs e a cafetería.
Beleza sen artificios
A obra de Lindbergh marcou un antes e un despois no mundo da moda pola súa revolucionaria forma de captar ás modelos dos anos oitenta e noventa, xa que nun momento no que o retoque fotográfico estaba á orde do día, Peter Lindbergh apostou por plasmar a realidade que hai detrás das imaxes e mostrar ás persoas, sen artificios xa que, para el, “a beleza é a valentía de ser un mesmo”.
Nicole Kidman, Charlotte Rampling ou Uma Thurman son algunhas modelos que foron fotografadas por Lindbergh, ás que hai que sumar outros rostros coñecidos dos anos noventa, como Naomi Campbell, Kate Moss ou Linda Evangelista.