A iniciativa deriva dun acordo entre ambas entidades
REDACCIÓN
Os establecementos que estean adheridos ao proxecto Abertos ao Galego e que aínda non teñan dominio .gal poderán facer o cambio de xeito gratuíto. A entidade de defensa da lingua vaise poñer en contacto con elas en próximas datas para trasladarlles formalmente a proposta de PuntoGal a aquelas que teñan maior interese, de xeito que poidan contactar directamente coa plataforma. Esta iniciativa que beneficia a aquelas empresas que forman parte de Abertos ao Galego deriva dun acordo entre ambas entidades.
A entidade en defensa da lingua vai poñerse en contacto con elas para convidalas formalmente
Abertos ao Galego é un proxecto que a Mesa pola Normalización Lingüística puxo en marcha en 2008 para promover o uso do galego e darlle visibilidade ás empresas que traballan nesta lingua no seu día a día. Conta cunha aplicación para terminais Android e Apple onde están sinalados os establecementos que contan co certificado Abertos ao galego xunto a aqueles dos que temos constancia do uso do galego. PuntoGal forma parte de Abertos ao Galego e as dúas entidades colaboran noutros campos.
O obxectivo de Abertos ao Galego é promover o uso desta lingua e darlle visibilidade ás empresas que traballan en galego
Máis de 6.300 dominios .gal
PuntoGal xestiona os dominios .gal e é unha entidade sen ánimo de lucro que naceu no 2006, rexistrou o seu primeiro dominio no 2014 e hoxe xa conta con máis de 6.300 dominios activos. Agrupa a máis de 110 entidades galegas e entre os seus obxectivos está o fomento das novas tecnoloxías, a alfabetización dixital e o uso da lingua na rede.