O deseño, panca para unha revolución sustentable en tempos de cambio

Fotos: Mero Barral

A Xunta de Galicia pon en marcha o novo Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 (DIFERENZA)

O Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 (DIFERENZA) foi o gran protagonista do IV Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial en Galicia, que se celebrou no recinto do CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol o 29 de xuño. 

Os participantes no evento, ademais de coñecer a fondo o plan que ten o obxectivo de transformar social e economicamente a nosa comunidade autónoma a través do deseño, tiveron a oportunidade de descubrir proxectos como un robot social para o acompañamento dos maiores, unha asociación que traballa para resaltar o papel das mulleres na sustentabilidade e un vehículo que facilita o reparto nas cidades.

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, foi o encargado de abrir a xornada cun discurso no que salientou a nova liña de axudas DeseñaPeme, que ten como finalidade que as pequenas e medianas empresas galegas incorporen o deseño como ferramenta de innovación e sustentabilidade e que se enmarca dentro do propio programa DIFERENZA. 

“A tecnoloxía e a creatividade teñen que vincularse ao benestar. Con estas axudas, buscamos consolidar a innovación e o deseño no tecido empresarial galego. Queremos que o deseño marca Galicia estea presente nestes tempos de cambio”, declarou Francisco Conde tras facer referencia a figuras como Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo.

Cinco accións estratéxicas

Trala intervención do conselleiro, chegou a quenda da directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, e do director da Fundación Didac e director de Arte e Innovación de MadBlue, David Barro. Ambos salientaron que o programa terá cinco accións estratéxicas: a construción sólida dun ecosistema galego de deseño e innovación; a posta en marcha de grupos multidisciplinares de cocreación para conectar ciencia, tecnoloxía e arte; liñas de financiamento para o deseño de novos produtos, servizos e modelos de negocio; a visibilidade de empresas e profesionais que apostan polo deseño, a innovación e a sustentabilidade como motores de competitividade económica e o benestar social; e a configuración da Rede Internacional de Profesionais do Deseño.

A directora de Gain explicou que as dúas primeiras actuacións que se porán en marcha de xeito inmediato no marco de DIFERENZA son a convocatoria da liña de axudas DeseñaPeme e a segunda edición dos Premios Galicia de Innovación e Deseño. “Queremos transformar Galicia dende a panca da creatividade. Trátase de reforzar un contexto innovador a través do carácter diferencial de Galicia”, sinalou Argerey, que destacou que é ese feito diferencial o que lle deu nome ao programa.

Deseño sustentable

O proxecto EEZON, cun práctico e eficiente vehículo para a mobilidade urbana; o robot NETV3A, capaz de facer que persoas que viven soas sintan que están acompañadas; e o proxecto Circadionic, para unha iluminación máis respectuosa co medio ambiente, son tres exemplos das innovacións que pudieron coñecer os asistentes a este encontro, no que tamén se presentaron a asociación de mulleres pola sustentabilidade WAS (Women Action Sustainability) e a visión do deseño da New European Bauhaus tanto en Galicia como en Portugal.

Artículo anterior
Ana Trevisani

Ana Trevisani: “La esencia de los eventos es la presencia”

Siguiente artículo
Gabriela González

Gabriela González: “La reputación se ha vuelto uno de los mayores activos”