O deseño chega ás pemes e microempresas galegas

DeseñaPeme, a primeira liña de axudas que lanza a Xunta para facilitar a innovación


REDACCIÓN


As microempresas e pemes galegas poderán mellorar a súa capacidade de innovación e sustentabilidade a través do programa DeseñaPeme, a primeira liña de axudas específicas para o sector que vén de resolver a Xunta de Galicia.

Esta iniciativa, promovida pola Axencia Galega de Innovación (Gain), enmárcase dentro do novo Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 e fará posible 86 contratos, 16 novas contratacións e mantemento de 70 postos de traballo cualificados.

Segundo indica o Goberno galego, o obxectivo destas axudas é contribuír a que o deseño estratéxico se converta nun elemento relevante e habitual na planificación, nos procesos e no modelo de negocio das empresas de Galicia. Tamén busca impulsar a súa capacidade innovadora e a competitividade no mercado global.

Modalidade, tipo de empresa e procedencia

Os proxectos beneficiarios do programa DeseñaPeme 2021 están en liña coas prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) e agrúpanse en tres modalidades concretas: deseño ou redeseño de produtos; iniciativas para o deseño ou redeseño de servizos e experiencias; e deseños de marca e identidade corporativa que lle presten unha especial atención aos valores sustentables e innovadores.

Un total de 24 empresas (pemes e microempresas) resultaron beneficiarias do programa e unha delas obtivo axudas para poñer en marcha dous proxectos. Ademais, a metade son micropemes, nove son pequenas e tres medianas. En canto á procedencia, a maioría pertencen á provincia de Pontevedra (12), seguida de Ourense (6), A Coruña (4) e Lugo (2).

Por sectores, a maioría dos proxectos beneficiarios deste programa pertencen a bens de equipo e maquinaria, servizos profesionais ou automoción. Por debaixo atópase a construción, o téxtil e confección e o pesqueiro e acuicultura, ademais de comercio, educativo e o moble.

Artículo anterior

Elemental Chefs compra Rei Zentolo y crea la firma de diseño Estudio Zentolo

Siguiente artículo
contenido de marca

Teba Lorenzo: “El mayor secreto para que un contenido de marca triunfe en TikTok es la autenticidad”