REDACCIÓN
A empresa galega doará un céntimo por cada litro de leite ao plan de recuperación dos montes do Courel calcinados este verán
Feiraco destinará 3.000 euros ao plan de recuperación do Courel, que pretende reforestar os montes tralo incendio rexistrado este verán, que foi “un dos máis devastadores da historia de Galicia desde que existen rexistros”, indican dende a compañía.
Integrada na Cooperativa Rural Galega CLUN e con sede no concello coruñés de Ames, Feiraco acaba de poñer en marcha esta campaña solidaria e os envases de leite semidesnatado da firma presentan estes días unha nova imaxe. Trátase dunha edición especial na que a figura do Apalpador aparece como protagonista.
“Con esta edición comprometida co noso verde e coa nosa cultura envasamos un total de 300.000 brics, dos cales doaremos un céntimo por cada litro de leite para esta causa”, apuntan dende Feiraco. Tamén lembran que este lume arrasou 11.000 hectáreas durante quince días nos municipios da Pobra do Brollón, Quiroga e Folgoso do Courel.
A difusión da cultura galega, outro dos obxectivos
Ademais do compromiso solidario da firma co medio ambiente, Feiraco pretende por de manifesto o seu apoio e contribución á difusión da cultura galega, neste caso a través da figura do Apalpador. Dende a empresa galega lembran que “este personaxe singular habita nos montes do Courel e nestas datas de Nadal reclama o seu protagonismo como referente para os máis pequenos”. Nas montañas lucenses mantívose viva a lembranza deste mítico carboeiro e co paso dos anos son cada vez máis os nenos e nenas de toda Galicia que coñecen as bondades do Apalpador.
A orixe do Apalpador remóntase aos tempos nos que un puñado de castañas era un agasallo moi prezado. Antes de que chegasen as patacas á nosa terra, empregábanse as castañas como sustento principal, era o mantemento dos pobres cando lles faltaba o pan. Así, cada Nadal o Apalpador baixa da montaña e mentres os nenos e nenas dormen apálpalles as barriguiñas. Ao ver que están ben mantidos, agasállaos cunha bolsa chea de castañas e mesmo con algún xoguete. Desde Feiraco buscan agora que as montañas do vello carboeiro volvan lucir verdes e frondosas coma sempre.