O 15 de outubro remata o prazo de inscrición para participar nos IX Premios Paraugas

O Clúster da Comunicación de Galicia organiza este evento, que celebrará a súa Gala de Entrega en Ferrol o venres 22 de novembro


REDACCIÓN


Xa queda menos para coñecer aos gañadores dos IX Premios Paraugas do Clúster da Comunicación de Galicia. A Gala de Entrega celebrarase o venres 22 de novembro no Teatro Jofre de Ferrol, nunha noite na que a industria galega da comunicación e do márketing lucirá os seus mellores proxectos, para recoñecer aos máis destacados en diferentes categorías.

O prazo de inscrición aínda está aberto: remata o próximo martes 15 de outubro. Os interesados en participar poden inscribirse a través da páxina web. As propostas que se presenten deberán estar realizadas entre o 1 de novembro de 2023 e o 15 de outubro de 2024, coincidindo co peche do período de inscrición. Como cada edición, as empresas socias do Clúster da Comunicación poden presentar gratuitamente os seus traballos.

O Clúster da Comunicación de Galicia organiza este certame para poñer en valor a calidade do traballo feito dende a comunidade, así como enxalzar a función da creatividade, do deseño, da impresión, da edición, do márketing, da comunicación e dos eventos como medio para aumentar a competitividade e a capacidade de innovación.

Neste sentido, os diferentes premios valorarán a aqueles traballos ou estratexias de creatividade que destacan pola súa innovación, funcionalidade, boas prácticas e resultados. Cada categoría (impresión, deseño, creatividade, márketing, comunicación, eventos) contará con varios premios, e como novidade para esta edición, o público tamén terá voto.

O Premio do Público, creado co obxectivo de invitar ao público a converterse en xurado por un día, recaerá no proxecto finalista máis votado

Así pois, o Premio do Público, creado co obxectivo de invitar ao público a converterse en xurado por un día, recaerá no proxecto finalista máis votado. Ademais, durante os Premios Paraugas outorgaranse dous recoñecementos especiais, o Premio Novos Talentos, dirixido a mozos de entre 18 e 25 anos, sexan profesionais ou estudantes, e o Paraugas de Ouro, considerado o máis grande do certame, xa que se outorgará ao proxecto que destaque de forma especial por enriba dos seus competidores, de calquera categoría.

Un total de 18 premios en prol da comunicación

En total, durante a gala, entregaranse 18 premios, valorando a calidade da industria da comunicación e o márketing en Galicia, así como a todas as empresas e profesionais que durante o ano a levaron ao primeiro nivel cos seus proxectos.

Con respecto ao xurado, a diferenza do ano anterior, será un xurado único e estará composto por 14 membros: dous representantes por cada categoría, un representante institucional, e outro representante do sector que exercerá como Presidente do xurado.

Categorías e premios

Nesta ocasión, reducíronse as categorías para adaptarse ós novos tempos e necesidades actuais. Así pois, o listado de premios queda da seguinte forma:

Impresión:

  • Mellor traballo de impresión papel
  • Mellor traballo de gran formato

Deseño:

  • Mellor deseño gráfico
  • Mellor deseño industrial ou de produto
  • Mellor deseño dixital

Creatividade:

  • Mellor idea
  • Mellor campaña
  • Mellor produción (craft)

Comunicación:

  • Mellor estratexia global de comunicación
  • Mellor práctica/estratexia na comunicación de Responsabilidade Social Empresarial

Eventos:

  • Mellor congreso profesional ou evento corporativo
  • Mellor evento cultural, gastronómico ou musical

Márketing:

  • Mellor estratexia de márketing
  • Mellor acción de branding
  • Mellor experiencia de marca

Estes premios son posibles grazas ao apoio dos patrocinadores e colaboradores, que axudan a visibilizar o gran talento que hai no sector. Entre estes patrocinadores, sobresaen: a Xunta de Galicia, representada pola Axencia Galega de Innovación (Gain); o Concello de Ferrol; a Autoridade Portuaria de Ferrol; a Deputación da Coruña; AVANTE, Roi Scroll; PuntoGAL; TAC!; Reclam, Abanca e Raiola. Nesta edición, o Clúster da Comunicación de Galicia tamén conta co apoio de OPC Galicia, Dircom Galicia, Creatividade Galega, Markea, Closet Comunicación, Atelier, Wise, Tórculo e Miraveo.

Artículo anterior

AVANTE se hace con la cuenta de medios de AMC Networks en España

Siguiente artículo

Áurea estrena "Os Retornados" como parte de su campaña de rebranding