#follow20

Nace #follow20, o festival do deseño galego

A gran novidade da edición 1 de #follow20, que se celebrará no mes de xuño, será o lanzamento da Galicia Design Week

Microdocumentais de deseñadoras e deseñadores (Stories), charlas temáticas entre creativas e creativos (Conversas), un escaparate dixital de creacións (Showroom), unha revisión de portfolios dirixida a estudantes e mozas profesionais (Creative Camp) e unha serie de eventos paralelos (Off), todos eles con ADN galego, tiveron lugar entre o 9 de novembro e o 13 de decembro na web do festival #follow20. Todos os contidos seguen estando dispoñibles. O festival de deseño, que este ano celebrou a súa edición número 0 puxo en valor o deseño, achegándoo á sociedade e dándolle visibilidade ao tecido profesional galego.

Alex Rico Caramés, director da iniciativa, asegura que para os organizadores era “case unha obriga facelo este ano”. Iso si, adaptado ás circunstancias derivadas da crise sanitaria. “Foi fundamentalmente dixital e tivemos moita repercusión”, asegura Caramés, quen avanza que xa están a traballar en #follow21, que se celebrará o próximo mes de xuño. “Contará cunha programación máis híbrida porque queremos equilibrar a presenza dixital coa física. Obviamente, non será unha edición coma se estivesemos en prepandemia”, indica o director.

Galicia Design Week

A gran novidade da denominada edición 1, segundo Caramés, será o lanzamento da Galicia Design Week, un proxecto a longo prazo onde se vai a involucrar todo o sector, co obxectivo de convertelo en referencia do deseño en Galicia. “Deseño desde o sentido amplo, desde gráfica, arquitectura, audiovisual, dixital, etc.”, engade.

“#follow20 ten diferentes motivos e obxectivos. Hai un claro, que é facer sector, comunidade e xerar eses puntos de relación entre profesionais e potenciais clientes ou administracións. E hai outro fundamental, que é poñer en valor o traballo do sector, achegándoo á sociedade para que entenda o valor que achega o mundo do deseño, non só estético, senón económico, profesional”, explica o director do festival, quen salienta que “a idea” é “facer comunidade e valorizar o mundo do deseño na sociedade”.

As Stories e as Conversas son dous dos formatos que máis éxito tiveron. Na próxima edición, segundo Caramés, manteranse, pero “evolucionados”, é dicir, “mantendo un formato dixital e físico”. O director do proxecto tamén destaca que é cento por cento neutral en carbono. “Naceu así a edición cero e será así no futuro, se non conseguimos nos próximos anos que mesmo sexa mesmo positivo”, asegura.

O programa dixital deste ano complementouse coa exposición física #novodeseñogalego na praza de Lugo da Coruña, que estivo acompañada dunha carpa pola que pasaron diferentes deseñadoras e deseñadores para crear obras en vivo.

Recoñecidos profesionais

#follow20 contou cun consello asesor formado por catro profesionais galegos de referencia: David Barro, codirector do estudo de deseño DARDO e director da Fundación DIDAC; Nuria Carballo, directora da axencia creativa Unconventional; Dani Bembibre, director da axencia de branding Costa; e Lola Dopico, directora da escola de moda ESDEMGA.

As Stories estiveron protagonizadas pola directora de arte Lucía García Rey, a marca de moda infantil The Campamento, a ceramista Verónica Moar, a axencia de branding Costa, a axencia tipográfica NM Type, o deseñador gráfico de orixe italiana Marco Oggian e o seu colectivo Fraco, o deseñador de iluminación Arturo Álvarez, o estudo de arquitectura Castroferro, o estudo de deseño DARDO e a Fundación DIDAC.

Pola súa banda, as Conversas, dedicadas á industria, a estratexia e a comunicación relacionadas co deseño, contaron con participantes como David Silvosa, Dani Bembibre, o deseñador de mobiliario Isaac Piñeiro, Lola Dopico, a deseñadora de servizos Coca Rivas, Nuria Carballo, a arquitecta Patricia Muñiz, o infografista Artur Galocha, o tipógrafo Marcos Dopico e a deseñadora gráfica Uqui Permui.

Artículo anterior
vídeo

dinahosting apuesta por el vídeo marketing para acercarte al mundo web

Siguiente artículo
África González

La inmunóloga África González recoge el Premio Executivas 2020