Mónica Chao: “A sensibilidade asociada ao feminino é moi importante para o deseño»

Foto: Mero Barral

Mónica Chao
Directora de Sustentabilidade de Ikea e presidenta de WAS (Women Action Sustainability)

Como axuda o deseño a acadar os obxectivos de sustentabilidade? O deseño é un elemento fundamental do que chamamos economía circular porque, dende o momento no que pensamos nun elemento ou nun obxecto, temos que ter presente cal será o seu uso, de que materiais está elaborado…

Está o cliente preparado para valorar a sustentabilidade dos produtos e servizos ao mesmo nivel que o prezo ou a calidade? Ás veces temos que pensar se o feito de que algo sexa máis sustentable xustifica que teñamos que pagar máis. Pode haber momentos no que a sustentabilidade estea asociada a luxo e exclusividade pero, por exemplo nós, en Ikea, estamos moi orgullosos de ofrecer sustentabilidade sen que o prezo sexa maior, porque o prezo é o elemento do que parten todos os demais compoñentes. O cidadán pode elixir, pero tamén as empresas temos a responsabilidade de ofrecer produtos e servizos que son sustentables para facilitar esas decisións de compra.

«As empresas temos a responsabilidade de ofrecer produtos e servizos que son sustentables para facilitar as decisións de compra dos cidadáns»

No IV Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial en Galicia presentouse o proxecto WAS, que promove o talento feminino en cuestións vencelladas á sustentabilidade. Que papel ten a muller nese eido? Dende WAS non estudiamos só a sustentabilidade dende o ámbito do deseño. Temos xente da arquitectura, persoas que veñen de grandes compañías, emprendedoras, representantes do mundo da cultura… O que comprobamos é que, a nivel directivo, aproximadamente un 51% das mulleres que traballan en sustentabilidade son mulleres e que esas mulleres están facendo panca para que a sustentabilidade chegue aos postos de alta dirección. A sensibilidade, que moitas veces se asocia ao feminino, é moi importante para o deseño, porque nos axuda a conectar e a atopar novas solucións.

Son as mulleres máis sensibles ou iso é un falso mito? A sensibilidade é algo que hai que potenciar. É un atributo ao que quizais, antes, non se lle daba importancia pero que agora, como dixen, é fundamental para crear novos conceptos. Non creo que sexa algo exclusivo das mulleres porque agora estamos en tempos de romper os papeis. 

Artículo anterior
Gabriela González

Gabriela González: “La reputación se ha vuelto uno de los mayores activos”

Siguiente artículo
Luis Barros

Luis Barros e Alberto Montiel: “Trátase de sentir que o robot está pendente de nós”