Modernización e sostibilidade para reforzar o sector turístico galego

Fotos: Turismo de Galicia

O novo Observatorio de Sostibilidade Turística axudará a poñer en valor o patrimonio inmaterial de Galicia


REDACCIÓN


O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentou recentemente no Parlamento os orzamentos do seu departamento para o ano 2025, que ascenden a máis de 146 millóns de euros, un incremento de 1,3 millóns en comparación co ano anterior.

Este aumento reflicte o compromiso do Goberno galego co sector turístico, un dos piares fundamentais da súa economía. O principal obxectivo deste investimento é afondar na planificación e xestión integral do destino, apoiando a modernización, a dixitalización e a sostibilidade do sector.

Merelles destacou que os orzamentos permitirán consolidar a Galicia como un destino turístico planificado, con especial atención á desconcentración da actividade turística e á distribución equilibrada dos seus beneficios.

O principal obxectivo deste investimento é afondar na planificación e xestión integral do destino, apoiando a modernización, a dixitalización e a sostibilidade do sector

A través de accións que buscan mellorar a integración da actividade turística coa vida diaria dos galegos e galegas, o Goberno busca afrontar os retos do futuro. Neste sentido, o director lembrou que as novas medidas seguen a folla de ruta pautada na Estratexia de Turismo de Galicia 2030, un plan ambicioso para a sostibilidade turística en todos os niveis.

Un novo Observatorio de Sostibilidade Turística

Entre as principais medidas anunciadas destaca a posta en marcha do Observatorio de Sostibilidade Turística, que se adxudicará este mes. Esta ferramenta permitirá actualizar as metodoloxías estatísticas e monitorizar a evolución dos destinos galegos. Isto favorecerá a análise de novos puntos de interese para a implantación de sistemas de regulación de fluxos turísticos. Tamén se instalarán sensores nas rutas xacobeas para supervisar a chegada de peregrinos, e desenvolverase un cadro de mando estatístico coas principais operacións turísticas actualizadas.

Entre as principais medidas anunciadas destaca a posta en marcha do Observatorio de Sostibilidade Turística

Un dos aspectos chave dos orzamentos é a renovación e a diversificación da oferta turística. Merelles subliñou o fortalecemento do turismo termal, con plans específicos para reposicionar Galicia como un destino de calidade neste sector. A través de novas liñas de axudas de 8 millóns de euros, melloraranse as infraestruturas termais e impulsaranse novos proxectos para dinamizar a actividade en vilas termais e cascos históricos. Estas iniciativas tamén inclúen a creación dun observatorio termal que facilitará a investigación e o desenvolvemento de boas prácticas no sector.

A dixitalización e a modernización do sector

Os orzamentos tamén inclúen un apoio decidido á dixitalización do sector turístico, cunha liña de axudas destinada á modernización das infraestruturas turísticas. Destacan axudas de máis de 2 millóns de euros para a creación de novos establecementos turísticos e reformas de gran envergadura, así como 500.000 euros para fomentar a dixitalización das axencias de viaxe. O Goberno tamén continuará co apoio aos pequenos concellos, destinando 2 millóns de euros para mellorar as súas infraestruturas turísticas.

A formación tamén será un eixe central en 2025, co lanzamento dun plan de formación en competencias dixitais valorado en 2,5 millóns de euros. Este plan permitirá mellorar as habilidades do sector nas áreas de informatización, creación de contidos dixitais e seguridade.

Os orzamentos tamén inclúen un apoio decidido á dixitalización do sector turístico, cunha liña de axudas destinada á modernización das infraestruturas turísticas

No ámbito da promoción internacional, Galicia reforzará a súa presenza en mercados estranxeiros a través de eventos destacados. O director de Turismo anunciou a participación na Expo 2025 de Osaka e na promoción da ruta xacobea en mercados clave como México, Brasil, Arxentina e Estados Unidos. A aposta por aumentar a visibilidade de Galicia como destino turístico internacional será unha prioridade, especialmente en países de forte demanda.

Outro dos eixes estratéxicos será a mellora dos servizos e da experiencia dos peregrinos na Ruta Xacobea, que segue crecendo en popularidade. Os orzamentos destinarán recursos á mellora da mobilidade segura en tramos de alto tránsito, como a creación de sendas específicas para peregrinos. Tamén se prevé a ampliación da capacidade de acollida en itinerarios como a Vía da Prata, co novo albergue en Dozón, e a mellora das condicións de accesibilidade e benestar dos peregrinos.

Outro dos eixes estratéxicos será a mellora dos servizos e a experiencia dos peregrinos na Ruta Xacobea, que segue crecendo en popularidade

Finalmente, Xosé Merelles reiterou a importancia de seguir avanzando na planificación do Xacobeo 2027, facendo un chamamento ao Goberno de España para que aprobe os orzamentos que permitan a exención fiscal durante o período xacobeo, desde o 1 de xaneiro de 2025 ata o 31 de decembro de 2027.

Artículo anterior

Carla Varela: “El sector de la creatividad en Galicia está en una fase emocionante”

Siguiente artículo

Gráficas Lagomar potencia su éxito con la Versafire LV