PABLO LÓPEZ
A cadea de hipermercados Carrefour recupera as marcas das que xurdiu, Pryca e Continente, para unha nova liña de roupa con camisetas, calcetíns e zapatillas deportivas
A moda retro e os logotipos extintos de grandes empresas que forman xa parte do imaxinario colectivo pegan con forza de novo, concretamente, no eido das grandes compañías de hipermercados. Primeiro foi Lidl a que, no ano 2020, sacou unha liña de roupa coa súa imaxe corporativa impresa e ben visible e, agora, Carrefour fai o propio cos míticos logos das dúas marcas das que xurdiu: Pryca e Continente.
Camisetas, calcetín e zapatillas deportivas son algunhas das prendas que farán as delicias dos nostálxicos dos anos 80, non só pola presencia dos míticos logos, senón tamén polos formatos dos artigos desta liña de roupa.
As prendas estarán á venda de forma limitada en 30 hipermercados e na web
“Os míticos Pryca e Continente voltan cunha colección exclusiva de moda retro. As dúas cadeas de hipermercados das que xurdiu Carrefour poñen de novo de moda o estilo oitenteiro. Deseñadas completamente polo equipo de Carrefour, estarán á venda de forma limitada en 30 hipermercados e na web”, explican dende Carrefour.
Os galegos teñen a oportunidade de mercar estas prendas tan especiais no hipermercado de Carrefour de Alfonso Molina, na cidade da Coruña.
O caso de Lidl, unha broma da que xurdiu un éxito
O caso de Carrefour é semellante ao de Lidl do ano 2020, se ben neste caso todo comezou como unha broma en Alemania co gallo do chamado April Fools’ Day, unha especie de día dos inocentes. O certo é que, dende o mesmo intre no que a cadea informou de que todo era falso, houbo tal entusiasmo e tanta xente que dixo estar disposta a mercar as prendas co logo, que a empresa decidiu tornar a broma en realidade e, de paso, en oportunidade comercial.