O obxectivo é concienciar a peóns e a condutores sobre a súa fraxilidade nas estradas
Co obxectivo de reducir a cero o número de vítimas nas estradas galegas, a Xunta de Galicia puxo en marcha o novo Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2021-2025, cuxa campaña de publicidade desenvolve a axencia Quattro idcp.
A esencia da campaña radica na contraposición de mensaxes dirixidas a peóns e a condutores fronte ao concepto de fraxilidade, representado polas figuras de cerámica de Sargadelos e reforzado coclaim “Porque na estrada somos pezas fráxiles”.
En colaboración coa coñecida marca de cerámica, o equipo creativo de Quattro idcp creou catro figuras que simulan porcelana de Sargadelos e que representan un peón, unha peoa, un coche e unha moto.
Así, nas diferentes pezas da campaña de concienciación as figuras contan en primeira persoa cales son as accións que levan a cabo para mellorar a súa seguridade e a de todos, como o uso de pezas reflectoras, camiñar pola esquerda da estrada ou asegurarse de que o vehículo no que circulan se atopa nun estado idóneo.
A campaña está presente en televisión, prensa, medios dixitais e radio
O director creativo da campaña, Xabi Balado; o director de arte, Juan Graíño; o director de servizos ao cliente, Jaime Conde; a directora de contas, Mayte Fontán; a executiva de contas, Elena Piñeiro; e o responsable da modelaxe 3D, Gael Lendoiro, uníronse para crear unha campaña que pon o foco na responsabilidade de cada un de nós, recordando as normas básicas de seguridade viaria que tanto os peóns como os condutores deben cumprir para garantir a súa seguridade e, por extensión, a de todos.