O workshop, organizado pola Materioteca de Galicia, terá lugar este venres 15 de decembro en Ferrol
REDACCIÓN
Os residuos dos aparellos eléctricos e electrónicos, coñecidos como RAEEs, teñen un importante impacto medioambiental cando non se xestionan da forma axeitada. Segundo a información das Nacións Unidas, no ano 2021, acadouse un récord na produción destes, con 53,6 millóns de toneladas a nivel mundial, o que supón un aumento do 21% en cuestión de cinco anos. Só en España xeramos, actualmente, arredor de 80.000 toneladas, o que equivale a 18 quilos por habitante e ano.
É en medio desa realidade cando xorde a minería urbana como disciplina que ve nos RAEEs unha fonte de recursos e materias primas con valor e utilidade propios. Tanto o movemento Maker como o iFixit traballan en prol do aproveitamento de ditos recursos, mediante a promoción da reutilización e da reciclaxe, co fin de xerar novas solucións funcionais e artísticas.
No evento tamén terán espazo os non iniciados na minería urbana a través dun taller práctico
Co obxectivo de instruír nesas boas prácticas e fomentar o aproveitamento creativo xorde o workshop ‘Minería urbana para makers’, organizado pola Materioteca de Galicia, unha iniciativa da Xunta de Galicia impulsada a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), que terá lugar o venres 15 pola mañá no ferrolán CIS Tecnoloxía e Deseño.
Expertos e principiantes na minería urbana
O evento, no que participarán expertos do sector e serán presentados proxectos, tamén terá espazo para os non iniciados na minería urbana no taller práctico dedicado, precisamente, á iniciación do público non especializado.
Algunhas das voces que se poderán escoitar serán as de Alejo Calatayud, consultor en sostibilidade e especialista en RAEEs; Roberto Benavides, CEO de Power UP e membro de Retrogalaicos; Aitor Puente, director da Asociación Galega de Áridos; ou Lucas Ayude, socio fundador de Ilectrosat e membro do colectivo Maker.
O Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – Diferenza é un programa da Xunta de Galicia promovido a través da Axencia Galega de Innovación.