REDACCIÓN
A mostra Arquivo da Matéria Viva pode visitarse no CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol ata o 26 de novembro
A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou o pasado 27 de setembro no encontro transfronteirizo “Materia e Territorio” para presentar o novo Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – DIFERENZA no marco da Porto Design Biennale, que celebrou a súa segunda edición convertida xa nunha cita de referencia para o deseño internacional.
Segundo detallou Patricia Argerey, DIFERENZA é a aposta da Xunta de Galicia ata 2024 para impulsar a transformación social e económica da comunidade desde un enfoque sustentable, a través da creatividade e do deseño como pancas de innovación e competitividade. Neste marco, o evento celebrado na cidade lusa serviu para comezar a explorar a oportunidade compartida que Galicia e o norte de Portugal teñen de liderar o desenvolvemento de novos modelos económicos baseados na sustentabilidade e na circularidade a través do deseño de materiais concibidos para rexenerar.
Así pois DIFERENZA dá continuidade ao traballo que vén desenvolvendo a Xunta desde 2018 para incorporar o deseño ao mundo empresarial como impulsor da competitividade e do crecemento económico, ademais de poñer en valor o labor dos seus profesionais. Nesta nova etapa contémplanse catro eixes prioritarios: reto climático, transformación dixital, competitividade empresarial e benestar social.
Cinco grandes liñas estratéxicas
A directora de Gain tamén explicou as cinco grandes liñas estratéxicas que vertebran o programa, dirixidas a fortalecer o crecemento económico a través dos activos intanxibles, como o deseño e a creatividade. Consisten na construción sólida dun ecosistema galego de innovación en torno ao deseño; a posta en marcha de grupos multidisciplinares de cocreación para conectar ciencia, tecnoloxía e arte; liñas de financiamento para o deseño de novos produtos, servizos e modelos de negocio, especialmente os orientados á innovación social; a visibilidade das empresas e profesionais que apostan polo deseño, a innovación e a sustentabilidade como motores de competitividade económica e benestar social; e a configuración da Rede Internacional de Profesionais do Deseño Galego.
Sobre a cuestión específica dos materiais innovadores de perfil sustentable que centraron o encontro transfronteirizo, Argerey puxo a disposición da comunidade portuguesa do deseño e a innovación a Materioteca de Galicia, cunha mostra física de cerca de 200 materiais no CIS Tecnoloxía e Deseño (Ferrol) e unha base de datos dixital en crecemento, grazas ao labor continuo de captación de materiais innovadores creados en Galicia.
Ademais, fixo especial mención ao Certame de Materiais Innovadores de Galicia, que este ano celebra a súa primeira edición no marco de DIFERENZA. Logo de pechar o prazo de recepción de candidaturas con cerca de 80 propostas procedentes de empresas, grupos de investigación e profesionais da artesanía, os gañadores daranse a coñecer en novembro.
O obxectivo é impulsar a colaboración en deseño sustentable co norte de Portugal
Visión compartida
O encontro, que tivo lugar na Casa do Design de Matosinhos xunto coa exposición “Museu da Matéria Viva”, foi presentado pola directora da Porto Design Biennale, Magda Seifert, que insistiu no protagonismo da sustentabilidade nesta segunda edición do evento. Pola súa banda, o comisario xeral desta edición da bienal, Alastair Fuad-Luke, destacou a necesidade de que, en atención a realidades tan graves como a emerxencia climática e a extinción de especies, a creación de novos materiais se faga pensando en rexenerar a natureza.
Os asistentes ao acto puideron compartir a visión de diversos expertos galegos en materiais e sustentabilidade nos campos da arte, do deseño e da economía circular e creativa, como o director da Fundación DIDAC, David Barro; a deseñadora industrial Noemí Cortizas; e o artista Christian García Bello.
Arquivo da Matéria Viva
O CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol acolle ata o 26 de novembro a mostra Arquivo da Matéria Viva, centrada na conexión dos materiais coa natureza, que comeza a súa itinerancia en Galicia logo da súa exhibición na localidade portuguesa de Matosinhos con motivo da Porto Design Biennale.