O Clúster e Markea potencian a colaboración entre as empresas galegas e lusas

A Asociación Galega de Marketing (Markea) e o Clúster da Comunicación asinaron dous convenios de colaboración coa Associação Portuguesa de Profissionais de Marketing (APPM)


REDACCIÓN


A Asociación Galega de Marketing (Markea) e a Associação Portuguesa de Profissionais de Marketing (APPM) acaban de asinar un acordo co obxectivo de potenciar a colaboración entre as empresas galegas e portuguesas a través dos seus departamentos de márketing.

Os presidentes de ambas asociacións, Xosé Luis Reza, de Markea, e Carlos Sá, de APPM, amosáronse moi satisfeitos coa sinatura deste convenio, que beneficiará ampliamente aos  seus asociados e ás empresas representadas.

Este acordo inclúe o intercambio e desenvolvemento de actividades conxuntas entre ambas asociacións, a visibilización dos profesionais galegos e portugueses en eventos organizados por Markea e APPM e a colaboración en estudos e investigacións de interese mutuo na área de márketing para contribuír ao fortalecemento de todo o sector.

Como presidente do Clúster da Comunicación de Galicia, Xosé Luis Reza tamén asinou un acordo con Carlos Sá para potenciar a colaboración entre as dúas entidades

Master class

O acto da sinatura produciuse nas bodegas Martín Códax, situadas na localidade pontevedresa de Cambados. Os socios de Markea puideron desfrutar primeiramente dunha Master class a cargo de Carlos Sá, que deu conta do estado do sector do márketing en Portugal e convidou aos profesionais galegos a estreitar lazos e a colaborar cos seus socios portugueses.

Xosé Luis Reza afirmou que “temos moito que aprender dos nosos irmáns marketinianos e este acordo servinaros para achegármonos a un país que está moi preto, pero  do que sabemos pouco. É unha grande oportunidade para nós como profesionais, e para as     nosas empresas dun e doutro lado da raia”.

Fomentar o intercambio de coñecemento e as boas prácticas, claves dos acordos asinados

Potenciar o márketing para mellorar a competitividade

Entre outros obxectivos, o convenio asinado permitirá fomentar o intercambio de coñecemento entre as dúas entidades, así como as boas prácticas tanto en materia de márketing coma no resto de disciplinas que integran a cadea de valor da comunicación. Xunto a isto, posibilitará potenciar o márketing como unha ferramenta de mellora da competitividade das pemes galaico-portuguesas e promover proxectos de cooperación transfronteirizos nesta materia.

O convenio debuxará o marco para o establecemento de formas e canles de colaboración mutua que beneficien aos profesionais, entidades e empresas de ambas as organizacións. Markea e APPM, no marco desta colaboración institucional, trasladaranse mutuamente información sobre as actividades que cada unha delas organice e que estimen poidan ser de interese para os seus colectivos.

Ademais, como presidente do Clúster da Comunicación de Galicia, Xosé Luis Reza tamén asinou un acordo con Carlos Sá para potenciar a colaboración entre as dúas entidades, promovendo actividades en común que beneficien aos seus asociados.

APPM

A Associação Portuguesa de Profissionais de Marketing (APPM) foi creada en 1967, baixo a denominación de Sociedade Portuguesa de Marketing. A asociación creouse co obxectivo de fomentar un mellor coñecemento do papel que desempeña o márketing e contribuír á súa promoción, desenvolvendo un espíritu de colaboración entre os seus profesionais. O que entón foi unha iniciativa pioneira, é hoxe unha institución de referencia no país, asumindo como misión promover o desenvolvemento do márketing nas empresas e institución lusas.

Artículo anterior
Premios Eficacia 2021

Estrella Galicia, Gadis y Larsa, finalistas en los Premios Eficacia 2021

Siguiente artículo
Vialia

Daniel Lorenzo: “Vialia ha conseguido revalorizar enormemente un barrio de Vigo que estaba en decadencia”