O Clúster da Comunicación de Galicia organiza o evento, que se celebrará en Ferrol o vindeiro 22 de novembro
REDACCIÓN
Os IX Premios Paraugas xa teñen data. Celebraranse o vindeiro 22 de novembro en Ferrol, unha noite na que a industria galega da comunicación e o márketing lucirá os seus mellores proxectos, para recoñecer aos máis destacados en diferentes categorías.
O Clúster da Comunicación de Galicia organiza o certame, que busca poñer en valor a calidade do traballo feito dende a comunidade, así como enxalzar a función da creatividade, o deseño, a impresión, a edición, o márketing, a comunicación e os eventos como medio para aumentar a competitividade e a capacidade de innovación.
Neste sentido, os diferentes premios valorarán a aqueles traballos ou estratexias de creatividade que destacan pola súa innovación, funcionalidade, boas prácticas e resultados. Cada categoría (impresión, deseño, creatividade, márketing, comunicación, eventos) contará con varios premios, e como novidade para esta edición, o público tamén terá voto.
O Premio do Público, creado co obxectivo de invitar ao público a converterse en xurado por un día, recaerá no proxecto finalista máis votado
Así pois, o Premio do Público, creado co obxectivo de invitar ao público a converterse en xurado por un día, recaerá no proxecto finalista máis votado. Ademais, durante os Premios Paraugas outorgaranse dous recoñecementos especiais, o Premio Novos Talentos, dirixido a mozos de entre 18 e 25 anos, sexan profesionais ou estudantes, e o Paraugas de Ouro, considerado o máis grande do certame, xa que se outorgará ao proxecto que destaque de forma especial por enriba dos seus competidores, de calquera categoría.
Un total de 18 premios en prol da comunicación
En total, durante a gala, entregaranse 18 premios, valorando a calidade da industria da comunicación e o márketing en Galicia, así como a todas as empresas e profesionais que durante o ano a levaron ao primeiro nivel cos seus proxectos.
Con respecto ao xurado, a diferenza do ano anterior, será único e estará composto por 14 membros: dous representantes por cada categoría, un representante institucional, e outro representante do sector que exercerá como Presidente do xurado.
Durante a gala, entregaranse 18 premios, valorando a calidade da industria da comunicación e o márketing en Galicia
O prazo de inscrición xa está aberto e os interesados, que poden ser tanto as empresas ou entidades desarrolladoras do proxecto como os clientes das mesmas, en todo caso con sede en Galicia, poden inscribirse a través da páxina web. As propostas que se presenten deberán estar realizadas entre o 1 de novembro de 2023 e o 15 de outubro de 2024, coincidindo co peche do período de inscrición. Como cada edición, as empresas socias do Clúster da Comunicación poden presentar gratuitamente os seus traballos.
Categorías e premios
Nesta ocasión, reducíronse as categorías para adaptarse ós novos tempos e necesidades actuais. Así pois, o listado de premios queda da seguinte forma:
Impresión:
- Mellor traballo de impresión papel
- Mellor traballo de gran formato
- Mellor packaging
Deseño:
- Mellor deseño gráfico
- Mellor deseño industrial ou de produto
- Mellor deseño dixital
Creatividade:
- Mellor idea
- Mellor campaña
- Mellor produción (craft)
Comunicación:
- Mellor estratexia global de comunicación
- Mellor práctica/estratexia na comunicación de Responsabilidade Social da Empresa
Eventos:
- Mellor evento
- Mellor festival
Márketing:
- Mellor estratexia de márketing
- Mellor acción de branding
- Mellor activación de marca
Estes premios son posibles grazas ao apoio dos patrocinadores e colaboradores, que axudan a visibilizar o gran talento que hai no sector. Entre estes patrocinadores, sobresaen: a Xunta de Galicia, representada pola Axencia Galega de Innovación (Gain); o Concello de Ferrol; a Autoridade Portuaria de Ferrol; a Deputación da Coruña; Roi Scroll; PuntoGAL; TAC; Reclam e Abanca.