O Clúster recoñece a figura do publicista Luis Bassat, referente internacional en márketing e comunicación, e da xornalista Rosa Vilas, pioneira no seu sector
REDACCIÓN
Os Premios Paraugas, cuxa entrega de galardóns terá lugar o vindeiro 17 de novembro no Teatro Jofre de Ferrol, conceden a Rosa Vilas e a Luis Bassat os Premios Honoríficos desta oitava edición para destacar a carreira profesional da primeira muller directora da Televisión de Galicia e dun dos grandes referentes internacionais no eido publicitario.
A traxectoria de Rosa María Vilas (Cambados, 1966) está vencellada á historia da CRTVG, xa que en 2009 converteuse na primeira muller en ocupar o cargo de directora da Televisión de Galicia e, previamente, foi a primeira muller que exerceu como redactora xefa e subdirectora de informativos nesta mesma canle. O Premio Honorífico dos VIII Premios Paraugas enxalza, por tanto, o destacado labor como xornalista de Rosa Vilas e tamén o seu papel como pioneira no seu sector.
Tras licenciarse en Xornalismo na Universidade Complutense de Madrid, os primeiros pasos profesionais de Rosa Vilas estiveron vencellados á Cadena SER, nos servizos informativos. Posteriormente, en 1989, comezou a súa traxectoria na CRTVG, nos primeiros anos como presentadora e editora do telexornal do mediodía, e posteriormente en cargos directivos.
Tras ser nomeada directora-xerente de Televisión de Galicia en 2009, en 2014 pasou a ser a directora da División de Radio e Televisión de Galicia da CRTVG. En 2017 foi nomeada directora adxunta á Dirección Xeral da CRTVG e, posteriormente, directora de Organización e Xestión do Cambio, adxunta á Dirección Xeral da CRTVG, responsable do deseño e desenvolvemento da dixitalización e do modelo produtivo da CRTVG como operadora dixital multimedia, multiplataforma e multicanle.
Ao longo da súa carreira profesional, Rosa Vilas recibiu distincións como o Premio Talento de Televisión da Academia da Televisión en 2014 ou o Premio Enrique Beotas na modalidade de entrevista en 2016.
Pola súa banda, Luis Bassat (Barcelona, 1941) é un dos publicistas españois e latinoamericanos máis reputados e recoñecidos do panorama internacional. Ao longo da súa traxectoria recibiu máis de 500 premios, nacionais e internacionais e impartiu máis de 2.000 conferencias sobre comunicación, creatividade, márketing, publicidade e arte por todo o mundo. Foi fundador e presidente do Grupo Bassat Ogilvy de España, copresidente e director creativo de Ogilvy Europa, África e Oriente Medio. A estes cargos tamén hai que sumar o de presidente do Consello Creativo mundial de Ogilvy.
Luis Bassat é autor de libros de referencia como El Libro Rojo de la Publicidad (1993) ou El Libro Rojo de las Marcas (1999). Ademais, Luis Bassat é, xunto á súa muller, coleccionista de arte contemporáneo, e a súa colección exponse na sala Nau Gaudí de Mataró e en espazos de exposición de localidades españolas e en cidades internacionais como Bulgaria ou Polonia.
Un xurado de excelencia
Nesta edición, os xurados que avaliarán o traballo creativo, os proxectos editoriais, os deseños e as pezas publicitarias e de márketing que compiten nas seis categorías que conforman o certame, son os seguintes:
Categoría Comunicación:
- María Sande, xefa do departamento de Comunicación de Coca Cola European Partners
- Fuencisla Cid, directora rexional de Comunicación, Relacións Institucionais, Márketing e Sostibilidade de El Corte Inglés Galicia e Asturias
- Pedro Linares, xerente en Villafañe & Asociados Consultores.
- Patricia Sánchez, xefa do Sector Políticas e Comunicación da Axencia Europea de Control da Pesca.
Categoría Impresión:
- Nuria Casal, profesora de Artes Gráficas do Colexio Hogar de Vigo
- José Carlos Santos, director creativo e de produción en Edicións Bolanda
- Ricardo Fernández, profesor de Artes Gráficas
- Alberto Carballido, deseñador gráfico en Novagarda
Categoría Deseño:
- Conchi Mayo, fundadora e directora de Dardo e presidenta da Fundación DIDAC.
- Alberto Rodríguez, deseñador gráfico. Fundación USC – Servizo de Edición e Impresión Dixital
- Carmen Bouza, especialista en deseño de produtos dixitais en Accenture Song
Categoría Creatividade:
- Jon Lavín, director creativo e fundador de Madrid Content School
- Carlos Fernández, director de Corre Lola Corre
- Miguel Rego, socio fundador de LAPERA
- Farruca Maristany, fundadora de Occidente Comunicación
- Marcos Mosquera, socio fundador de Mosk Studio
Categoría Márketing:
- Teresa Fernández, adxunta á dirección e responsable de márketing e comunicación de Grupo Castrosua
- María Díaz, responsable de márketing de Cafés Candelas
- Elena Murillo, directora de márketing e comunicación en Grupo Nortempo
- Brandán Gómez, director de márketing de Quescrem
- Adrián Salgado, director de márketing de Zelnova Zeltia
Categoría Eventos:
- Pablo Novoa, músico e produtor discográfico
- Javier Becerra, xornalista especializado en música en La Voz de Galicia
- Yolanda Barbeito, expresidenta de OPC Galicia
- Lorena Rey, consultora e docente en márketing
Os xurados están presididos por Jon Lavín, que iniciou a súa carreira como redactor en Bassat Ogilvy e, posteriormente, traballou como creativo en axencias destacadas do sector durante máis de 20 anos, polo que é un gran referente.
Jon Lavín foi director creativo en Contrapunto BBDO e DDB Madrid; director creativo executivo de Villar-Rosàs Madrid; Global Creative Director en The Cyranos/McCann e, do 2012 ao 2019, director creativo executivo de McCann. Ao longo da súa traxectoria, recibiu máis de 250 premios en festivais nacionais e internacionais e neste 2023 nomeárono o profesional con máis Ouros da historia do Club de Creativos de España, onde tamén foi membro da xunta directiva. Neste ano tamén recibiu o Premio á Traxectoria pola Universidade Camilo José Cela e foi elixido como un dos “100 mellores creativos no mundo de negocios” pola revista Forbes. Foi profesor en diferentes universidades e fundou a Madrid Content School, a primeira escola de fala hispana especializada en branded content. En 2020, fundou, xunto ao director de cine Daniel Sánchez Arévalo, Bijoux Content, unha produtora creativa especializada en branded content, na que desempeña o cargo de director xeral creativo de contidos.
Unha edición renovada
A nova xunta directiva do Clúster da Comunicación de Galicia, con Alberto Garnil como presidente, presenta unha oitava edición dos Premios Paraugas renovada e con múltiples novidades. Dúas das novidades máis destacadas desta edición son a creación de dous premios especiais: o Premio Paraugas de Ouro, que recoñecerá a candidatura máis destacada da edición, e o Premio Paraugas Novos Talentos, co que se visibilizará o talento das novas xeracións.
Esta nova edición dos Premios Paraugas conta co patrocinio do Concello de Ferrol e da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación, a colaboración da Deputación da Coruña e o apoio de Avante, PuntoGal, Roi Scroll, Reclam y Tac!