Luis Barros, CEO de Atendo, e Alberto Montiel, director de Proxectos de Fruto DS
Durante a celebración do IV Encontro de Deseño para a Innovación Empresarial en Galicia, celebrado o 29 de xuño en Ferrol, déchedes a coñecer ao robot social NETV3A. Pode unha máquina conseguir que unha persoa maior se sinta acompañada? Luis Barros: Ese é un dos obxectivos. Queremos que, ademais de todo o que achega, os maiores sintan que hai alguén na casa e que, se pasa algo, poida estar pendente. Máis alá do feito de que sexa un robot, trátase de sentir que alguén está pendente de nós. Cremos que a forma que ten o robot tamén pode facilitar ese obxectivo.
Que busca o deseño deste robot? Alberto Montiel: O primeiro que fixemos foi pensar o punto no que unha persoa podía ter interese nese robot. Atendo ampliaba un pouco o seu abano de actuación, xa que pensaba no envellecemento activo e iso afecta a calquera persoa maior de 50 anos que quere envellecer mellor. Algo concreto que buscamos co deseño era que o robot non resultara agresivo, porque temos un estigma na cabeza que procede da ciencia ficción e que é o de que un robot nos pode matar. É un obxecto que se ve amable e que resulta case entrañable polos sus materiais e polas súas formas. A cultura buscaría que parecera humano, pero nós non e por iso non ten brazos. Hai moita tecnoloxía detrás, pero a tecnoloxía non ten que ser a protagonista, ten que estar integrada.
“Algo concreto que buscamos co deseño era que o robot non resultara agresivo, porque temos un estigma na cabeza que procede da ciencia ficción”
Todo o relacionado co envellecemento ten moito mercado na sociedade actual… Luis Barros: Nós levamos moito tempo traballando niso. Non vemos o envellecemento como un nicho de mercado, senón como o noso ecosistema. Tentamos impactar nas persoas para que teñan mellor calidade de vida e non só nas maiores, senón tamén das que van camiño de selo. Trátase de elixir onde e como queremos envellecer.
O nome de NETV3A recorda a ‘neta’. Obedece ao interese de facer un robot amigable? Alberto Montiel: Pois si. Vén de esa intención de humanizar a tecnoloxía e vén xa dun proxecto previo. Un dos maiores elementos de fidelización para as persoas maiores son os netos.