Esta produción de Portocabo e RTVE conta co apoio da Xunta de Galicia a través do seu Hub Audiovisual
REDACCIÓN
A serie infantil Los Argonautas inicia a súa rodaxe en Laxe, contando co cofinanciamento de 350.000 euros da Xunta de Galicia, a través da primeira convocatoria do fondo de atracción de rodaxes do Hub Audiovisual da Industria Cultural. Esta ficción, que se emitirá en Clan e que está producida por Portocabo e Radio Televisión Española (RTVE), está dirixida a nenos de entre oito e doce anos.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, visitou o xoves 7 de xullo o equipo de gravación e participou na rolda de prensa de inicio da filmación xunto ao alcalde de Laxe, José Luis Pérez Añón; o produtor da serie e CEO de Portocabo, Alfonso Blanco; o director de Área de Contidos da CRTVG, Fernando Ojea, e mais o director de Contidos Infantís de RTVE, Yago Fandiño.
Esta ficción, producida por Portocabo e RTVE, contará co cofinaciamento de 350.000 euros da Xunta de Galicia
Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades puxo en valor a capacidade do audiovisual galego “para ser motor da industria cultural e da recuperación económica” ao tempo que salientou a “valía dos equipos artísticos e profesionais” dun sector que dispón dun “importante potencial competitivo e de xeración de emprego“.
Impulso económico para revitalizar á cultura audiovisual galega
O Hub Audiovisual galego naceu a través do financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), dentro do eixo REACT-UE de resposta da Unión Europea fronte á pandemia. A través de esta ferramenta, o Goberno galego aportará 9,6 millóns de euros ao sector entre os anos 2021 e 2023.
Mediante a primeira quenda para a captación de rodaxes convocada ao abeiro do Hub Audiovisual xa se adxudicaron 1,3 millóns de euros, cos que se está a colaborar na gravación de catro proxectos: a longametraxe 13 exorcismos, de Bambú Producciones, e as series Hasta el cielo, de Vaca Films, Rapa e Los Argonautas, estas dúas últimas de Portocabo.
Unha aventura coa diversidade como eixe e Galicia coma paisaxe
A serie Los Argonautas está codirixida polos realizadores galegos Toño López e Lucía Estévez e conta cun elenco que combina a experiencia de actores e actrices veteranos, como son Federico Pérez e Eva Fernández, co pulo dos novísimos intérpretes Aliyah Fidalgo, Sarela Montes, Brais Sixto, Claudia Pujaldes, Juan Rodríguez, Lúa Varela e Xoel Río.
Os episodios da serie funcionarán como un auténtico catálogo de promoción cultural cun relevante potencial turístico
A trama xira ao redor dun grupo de cinco amigos que vivirá un verán diferente ao verse envoltos nunha grande aventura. Enfrontándose a distintos perigos, descubrirán o valor da amizade, a superación de barreiras, o encaixe das diferenzas, a integración ou a cooperación como clave para o éxito común. A ficción aposta así pola diversidade ao abrir xanelas a comunidades de inmigrantes como é o caso da caboverdiana ou a realidades como a de Olivia, unha nena xorda que non ten problemas en se comunicar cos demais.
A produción de Portocabo entronca coa tradición de grandes clásicos literarios —como O club dos cinco— ou do cinema —como Os goonies—, no que o protagonismo recae na cativada que se ve na obriga de colaborar coas súas amizades para superar perigos e misterios.
Los Argonautas, que toma o seu nome do grupo de heroes encabezados polo lendario Xasón da mitoloxía grega, rodarase na Coruña e en diferentes localizacións da Costa da Morte, polo que os seus 20 episodios funcionarán tamén como un auténtico catálogo de promoción cultural cun relevante potencial turístico.