Baixo o lema “Leva kiwis, ho!” a axencia transmite a posibilidade que terán agora os clientes de R de contratar alta velocidade en calquera recuncho de Galicia
IAGO SÁNCHEZ
Que teñen en común un kiwi e a alta velocidade de R? Pois que ambas están presentes por todo o territorio galego. Esa é a idea da axencia de márketing Lapera na súa nova campaña para a empresa de telecomunicacións R.
O kiwi é unha froita procedente de Asia que se introduciu en Galicia nos anos 80. Dende entón, o seu cultivo non deixou de medrar. Tanto, que a nosa comunidade tense convertido xa no primeiro produtor nacional. O spot de Lapera mostra a típica escena que se dá nas aldeas galegas logo dunha fin de semana visitando aos familiares. Neste caso temos ao dono da finca tratando de convencer á súa filla para que leve unha caixa de kiwis.
Ao longo dun diálogo cheo de retranca e humor, a empresa galega vai comparando as virtudes da súa alta velocidade e as do kiwi. Por exemplo, o servizo de R ten unha gran capacidade de subida… E de baixada, do mesmo xeito que o kiwi ten múltiples beneficios para o tránsito intestinal.
O vídeo foi rodado en Irixoa (A Coruña) e conserva o ton tan característico de R nas súas creacións publicitarias. A peza compleméntase coa música do grupo de Muros, Terbutalina. A campaña estase a difundir en televisión, radio, exterior e dixital.
Unha relación frutífera
Este traballo supón un novo fito na relación entre as dúas entidades. Unha colaboración que xa pariu produtos únicos e co humor sempre como protagonista. Para mostra, a campaña lanzada o pasado mes de febreiro baixo o epígrafe “non importa o disfrace, importa a compañía” onde se lles desexaba aos clientes de R un bo Entroido.
A innovación tamén ten cabida nas actividades conxuntas de Lapera e R. De feito, hai dous meses foron os responsables do lanzamento da primeira campaña publicitaria de Galicia empregando Intelixencia Artificial.